Os sindicatos policiais piden a dimisión da deputada de Podemos por "abuso de cargo"

A SUP vincula esta situación coa "persecución" de "certos sectores" á Policía tras o caso dos desaloxos de "okupas" de Santiago ou de Lavapiés en Madrid, nunha clara alusión a Podemos e ás mareas. Unha situación que coincide coa recadación en multas, por parte do Goberno do PP, de 131 millóns de euros en 18 meses pola Lei Mordaza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2018 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) tamén acaba de intervir no caso da polémica da deputada de Podemos, Paula Quinteiro,  despois de que transcendese publicamente a súa implicación nunha disputa coa Policía Local de Santiago na madrugada do sábado ao domingo da pasada fin de semana. Esíxenlle unha "desculpa polo seu comportamento inadecuado ao cargo que ostenta" ou na súa falta, "a súa dimisión ou cesamento inmediato".

Incidentes entre antidisturbios e manifestantes durante o referendo de independencia de Cataluña/ Miguel Núñez Os cidadáns tentan dialogar coa Policía para evitar a violencia / Miguel Núñez
Incidentes entre antidisturbios e manifestantes durante o referendo de independencia de Cataluña/ Miguel Núñez Os cidadáns tentan dialogar coa Policía para evitar a violencia / Miguel Núñez

A través dun comunicado de prensa, este sindicato policial recriminou a Quinteiro "o mal uso e abuso do cargo público baixo o amparo do aforamento". Ademais, o SUP quixo no seu comunicado "apoiar e referendar" a "actuación dos compañeiros da Policía Local de Santiago de Compostela" polos feitos ocorridos na madrugada do pasado sábado.

Tamén o SUP pretende "pór de manifesto a persecución aos policías desde certo sector, sempre con intereses partidistas" en relación, precisou, a casos como o de desaloxo de "okupas" na Algalia de Arriba en outubro do ano pasado en Santiago ou no barrio madrileño de Lavapiés en relación á morte dun mantero.

INCIDENTE

O atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, sinala que a patrulla atopou na madrugada do pasado sábado ao domingo en Santiago a un grupo de 15 mozos, un deles con gorro verde --o que coincidía coa denuncia do veciño-- e outro cunha botella de cervexa que "mostraba actitude de tentar golpear diverso mobiliario urbano" e que chegou a gritar "Policía, fillos de puta". Os axentes solicitaron a dotación doutra patrulla nese momento e pedíronse máis reforzos posteriormente.

A deputada Paula Quinteiro de En Marea
A deputada Paula Quinteiro de En Marea

Foi no momento en que tentaron identificar a unha das persoas que ían no grupo cando sucedeu a disputa. Segundo o relato policial, pediuse ao mozo que "se mostraba máis agresivo e que anteriormente insultara e fixera un peite" aos axentes que se identificase e a deputada, que acudiu até o lugar "chamada" polo mozo "interpúxose entre o home, exhibindo un cartón parlamentario, tratando de impedir a identificación e dificultando en todo momento a intervención da Policía".

Con todo, Paula Quinteiro, en declaracións a Europa Press, afirmou que un dos policías actuou "de forma desmedida e foi violento" e, mesmo, chegou a deixar no chan ao mozo. A Policía sinala, pola contra, que ante a resistencia a identificarse do novo, foi "conducido ao chan onde foi reducido", momento no que accedeu a entregar o DNI, que o identifica como Fernando B.R., e que tamén está vinculado co mesmo movemento político.

"A miña única intención foi tratar de mediar e de que o problema pasase; en ningún momento obstaculizar. Díxenlle (ao mozo) que se identificase", afirmou Paula Quinteiro.

ABUSOS POLICIAIS

Estas críticas policiais chegan logo de coñecerse os últimos datos publicados polo propio Ministerio do Interior, nos que, en 18 meses, o Estado recadou 131 millóns de euros coa Lei Mordaza.

Das sancións por infraccións da lei de seguridade cidadá, un gran número son sancións a condutas por exercer os dereitos de reunión, expresión ou manifestación. Distintas entidades e colectivos sociais denuncian o "incremento de abusos policiais e da vulneración de dereitos" debido, en moitos casos, á discrecionalidade dos axentes nas súas actuacións polo poder de valoración que lles confire a Lei de Seguridade Cidadá. 

Tamén chega logo de varias condenas xudiciais a artistas ou a do mozo Emilio Cao, xulgado esta semana, polas protestas acontecidas durante as Marchas da Dignidade. De feito, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou recentemente ao Estado español por ter acusado a dous mozos cataláns por queimar fotos do rei. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 Tocabolas

Estan Madeiros e Pikoletos autorizados como falar de Abusos (será pola experiencia amosada) ...especialistas en acariñar a fungueirazo limpo...que cinismo!!!.

5 Puñais voando na secta

De abuso de autoridade saben moito os polis, abofé.

4 Salvamelimonada

O de sempre: " Este dixo", "outro respondeu", "paréceme", "seica", "fuches ti", "foi o outro"....Parvadas para que vivan do conto politicastros coma Feijóo que , como testemuña dos feitos, non ten moito creto. Paula ten que aclarar o que pasou antes da intervención policial, e se estaba presente cando os insultos ou o vandalismo. Iso para empezar. Logo virá o da actuación policial e contrastar o informe co que din os 15 rapaces. Da un pouco de noxo todo isto, tanto polo rápido que actúa o Feijóo para desprestixiar á oposición e a imaxe de desesperado que da con iso, como pola falta de información por parte da propia Paula....Deus que tropa!

3 Per

Que non se politice un asunto sen importancia e sen detidos,,,a xente ten dereito a sair de noite,, se houbera algo habria detidos.

2 Canchiflos non grazas

Isto pasa por meter en política a nenos de papá sen oficio nin beneficio que se adican ao botellón canchifleiro.