Asociación Forestal de Galicia: “Levamos moitos anos reivindicando a diversificación do monte”

Os incendios en 2017 obrigan agora a ter os montes limpos de madeira queimada para o día un de abril. Falamos con Xosé Covelo da Asociación Forestal de Galicia (AFG) para que explique cales son os motivos polos que uns lotes de madeira queimada saíron á venda e outros non, sobre todo de piñeiro.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Por que non se vende a madeira de piñeiro queimada nas subastas da Xunta tal como se está vendendo a de eucalipto?
Os motivos son diversos, pero o que si nos consta que quedaron subastas desertas na zona sur de Pontevedra, lotes tamén de Ourense. Polo que AFG sabe, parece ser que a madeira se sacou moi tarde a subasta. Por este motivo hai lotes de madeira de piñeiro para serra que por saír tarde a subasta e o seu valor acabou deprezándose pola acción dos fungos. Por tanto o prezo desas partidas cae. Por tanto en plena situación de saída, a madeira ten un valor superior que os últimos lotes en saír. Pero tamén temos constancia que houbo lotes polos que se pagou un prezo superior ao que realmente valía e logo está a cuestión da zona do nematodo. En teoría o día un de abril tería que estar cortada toda a madeira queimada de piñeiro. Entón, os lotes que levan piñeiro van condicionados a que se sacaron tarde a subasta. Por tanto, temos unha data límite para sacar esa madeira e que sexa procesada, por cuestión do nematodo. Tamén nos comentan que en Ourense había madeira de serra, madeira comercial, pero que tamén incluía producto de superficie non comercial dentro deses lotes. O madeirista vai quitar madeira, non vai facer traballos de corta sen ter un beneficio, senón que estaría facendo un traballo silvícola. Así que por ter  madeira non comercial, ao madeirista non lle resultaba interesante ese lote.

Xosé Covelo, AFG
Xosé Covelo, AFG | Fonte: Isolina Villar

-Nos últimos anos estase a ver unha expansión do eucalipto nitens. Está a crear polémica a entrada desta especie?
Hai un debate arredor do eucalipto en xeral, non só do nintens, nos medios de comunicación e nas redes. Máis eucalipto ou menos eucalipto. Si é certo que a poboación de nitens aumentou porque o eucalipto glóbulus ten unha afección importante do goníptero que é un parasito que lle afecta menos ao nitens. Tamén está que esta nova clase de eucalipto se pode plantar en cotas máis altas de montaña. Por tanto onde vai mal o glóbulus os propietarios cambian a nitens. Tamén é que en moi pouco tempo, menos que co glóbulus, temos madeira. Pero debemos ter en conta que o prezo do nitens é menor, entre seis e catorce euros por tonelada de madeira con coda. Para producir a mesma cantidade de pasta de papel con glóbulus, precisas máis cantidade de nitens. Ademais, a industria papeleira necesita adaptarse teconoloxicamente á composición do nitens e aos engadidos que se lle deben aplicar para ter o mesmo rendemento.

-Cales son os prezos que se aplican sobre a madeira industrial nestes momentos?
Os datos que teño son moi xenéricos. Por exemplo, superficies sempre superiores a unha hectárea, con 500 ou 1.000 toneladas de glóbulus, non lotes de parcelas de superficie menor e tamén tendo en conta se é mecanizable, se ten accesos ou non, e destinada a pasta de papel, teriamos un prezo de entre 27 e 29 euros tonelada con coda e sen IVE. Se esa madeira está certificada, habería que subir sobre dous ou tres euros máis.

-É certo que a madeira de glóbulus en Portugal se paga sobre sete ou nove euros máis que en Galicia?
Non teño constancia, pero todo dependerá da estratexia e ademais, os prezos hai que comparalos. Gustaríame coñecer os datos para poder pronunciarme. Moitas veces hai quen di “a min páganme a tanto máis que noutro lugar”, pero debemos ter en conta que ao mellor estamos falando de produtos diferentes, madeira con coda ou sen conda, con IVE ou sen IVE. Non falemos xa do piñeiro, que é outro mundo, porque para serra un prezo medio para lotes maduros podemos falar de entre 25€ e 28€ no norte de Galicia e no sur 29€ e 32€, pero os prezos baixaron moito porque hai moita madeira queimada.

-Non se vería como competencia desleal vender madeira queimada?
Non o cualificaría así. Houbo un desastre que che queimou a madeira, un incendio, e por encima de que perdeches o valor de saída do produto, tes uns danos moi serios no teu monte no que afecta á xestión do mesmo, o que non pode ser é que non poda vender a madeira, pois vai ser a única forma de ter uns ingresos para reiniciar o procedemento. Por tanto non vexo competencia desleal, vexo que a un propietario lle arderon os montes cousa que é un desastre.

-Existe a idea de que en vez dunha aposta polo monocultivo, haxa unha diversificación no monte. Desde AFG que din?
Sobre a diversificación no monte vense falando desde hai moito tempo, mesmo despois da vaga de lumes do 2006. Desde a AFG e desde os propietarios sempre tivemos claro que ao monte lle hai que buscar un rendemento. Tamén hai que buscar un equilibrio entre sostibilidade, rendibilidade e uso social do monte. A diversificación entra dentro desas reivindicacións que levamos moitos anos facendo, no sentido que se hai unha praga nunha especie, a túa xestión forestal nesa zona de monte teña sempre alternativas. Pero ademais debemos ter en conta outra cousa, temos zonas produtoras pero tamén deberiamos ter zonas protectoras para evitar o salto do lume ás produtoras. Ademais da diversificación implica un mosaico de especies con masas de frondosas autóctonas, corredores verdes e aproveitar vaguadas e apoiarse do entorno das pistas, aproveitando a lexislación actual.

-Sobre a xestión do monte, cal é a proposta que AFG poría sobre a mesa?
É unha pregunta moi complexa pero o primeiro que dicimos é que hai que planificar. Ter os documentos de xestión do monte, contar con asesoramento técnico, saber  onde podo plantar e que podo plantar, iso é fundamental. A planificación non se pode deixar a un lado, o monte ten que ser rendible de maneira sostible. Se queres ter un cultivo que dea un retorno, ese retorno debe permitir o obxectivo final de planificar a produción do monte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta