Temas: DROGA LUGO

A chamada droga caníbal chega a Galicia

Investigan se un menor hospitalizado en Lugo, tras sufrir un episodio de violencia extrema, consumiu esta droga. O delegado do Goberno di que xa se detectou algún caso con anterioridade, pero "moi esporádico". Vídeo no interior.

Por E.P. | Lugo | 21/03/2018 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A Policía Nacional investiga a relación dun menor de Lugo, hospitalizado desde o pasado venres despois de sufrir un episodio de violencia extrema, co consumo dun tipo de substancia coñecida como droga caníbal, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.

Un mozo é inmobilizado pola Policía logo de consumir a chamada droga caníbal
Un mozo é inmobilizado pola Policía logo de consumir a chamada droga caníbal | Fonte: Antena 3

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza na presentación da campaña de tráfico de Semana Santa, Villanueva confirmou que os corpos de seguridade están a investigar o caso para saber de que tipo de droga se trata, a súa procedencia e se aínda está no mercado.

"Está a estudarse por parte da Policía Nacional a ver cal era, como se conseguiu e se está no mercado ou non", afirmou o delegado do Goberno, quen recoñece que, con anterioridade a este feito, xa se detectaron outros casos "moi esporádicos". Os feitos sucederon en Lugo, onde un menor permanece ingresado no hospital, despois de sufrir un episodio de violencia extrema. Tras o estraño comportamento do mozo, investígase agora a súa relación coa inxesta desa substancia.

ALGÚN CASO ANTERIOR

Unha droga que "todo parece indicar", por outros casos que xa se detectaron con anterioridade, que, despois do seu consumo, o comportamento das persoas se volve "extremadamente violento", explicou Villanueva.

"Algún caso detectouse xa con anterioridade", comentou o delegado, quen mostrou todo o seu rexeitamento ao consumo de calquera substancia estupefaciente, e sobre todo desta en particular. Do mesmo xeito, Villanueva asegurou que as administracións están a disposición da nai do menor para apoiala de "maneira especial" en todo aquilo que sexa necesario.

Aínda que en Galicia o seu consumo semella esporádico, o certo é que este tipo de droga está xa causando estragos en certos lugares de "marcha" da costa española, onde o seu tráfico e consumo foi detectado pola Policía. Os seus efectos nas persoas son "devastadores" segundo fontes sanitarias. 

Temas: DROGA LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta