Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2018 | Actualizada ás 21:45
Os traballadores da Xustiza en Galicia avalaron, a través dunha votación secreta e en urna, que o comité de folga baixe a súa esixencia salarial dos 190 euros máis ao mes para todos os corpos e tente negociar coa Xunta "o mellor posible".
En concreto, segundo os datos das organizacións sindicais, participaron nas votacións un total de 1.430 funcionarios, dos que 942 (o 65,9%) apoiaron que esta cifra de 190 euros non sexa unha "postura mínima obrigatoria". Pola súa banda, outros 458 empregados públicos consideraron que o comité de folga deberíase "plantar" neses 190 euros. Ademais, 12 persoas votaron nulo e 18 en branco.
En todas as cidades impúxose a postura favorable a rebaixar esta esixencia. Así, na Coruña 192 persoas votaron a favor e 125 en contra; en Ferrol 95 si e 15 non; en Lugo 93-29; en Ourense 169-63; en Pontevedra 133-90; en Vigo 166-109; e en Santiago 94-27.
O comité, integrado por SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., habilitou este mércores urnas para votar nos edificios xudiciais das cidades galegas de 12,00 a 17,00 horas despois de que a reunión mantida o luns coa Xunta finalizase sen acordo.
Nese encontro, o Goberno galego deu por rotas as negociacións cos sindicatos despois de trasladar unha nova suba salarial, neste caso non lineal e por corpos. En concreto, 135 euros ao mes para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os de auxilio. Unha oferta que as organizacións sindicais rexeitaron por insuficiente.
Despois diso, os traballadores públicos en folga protagonizaron o martes peches nos edificios xudiciais de todas as cidades como medida de presión á Xunta para que, tal e como sinalaron, lles seguise "chamando" a negociar tendo en conta que o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asegurou que a proposta trasladada o luns era a "última".
REACCIÓN DA XUNTA
Despois de que transcendesen os datos destas votacións, a Xunta valorou que os funcionarios "corrixan" aos sindicatos e "manifesten o seu rexeitamento á súa posición inmobilista" e a súa formulación "inasumible".
Así mesmo, logo de criticar que as organizacións sindicais "non consultasen" aos traballadores durante "estes dous meses, a Vicepresidencia destacou que os traballadores "coñecen" a oferta da Xunta e apostan por "rebaixar" as "esixencias inasumibles que puxeran os sindicatos" e que "está claro que nin compartían aqueles aos que deberían representar".
Por iso, fixeron un chamamento aos traballadores para que reflexionen e valoren a oferta presentada pola Administración autonómica o pasado luns que, como lembrou, "supón unha suba do 14%" e "garántelles estar sempre por enriba da media estatal".
Con todo, os sindicatos avisaron que o resultado das votacións non significan que os traballadores vaian aceptar "unha chantaxe" ou "ningún tipo de oferta" que "non sexa mínimante válida" e insisten en que a que está encima da mesa "non o é".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.