O alcalde de Santiago confía na actuación policial, pero reduce a "incidente menor" a disputa cunha deputada

Martiño Noriega tamén falou coa parlamentaria e considera "positivo" que a súa intención fose a de "intermediar", como lle trasladou

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2018 | Actualizada ás 22:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta), manifestou a súa confianza no labor dos funcionarios da Policía Local e, após despachar este martes co xefe deste corpo de seguridade, dixo que non "dubida" da "corrección" da actuación policial durante un control nocturno na madrugada do sábado ao domingo no que se viu implicada unha deputada de En Marea.

Martiño Noriega, alcalde de Santiago e dirixente de Anova
Martiño Noriega, alcalde de Santiago e dirixente de Anova | Fonte: Europa Press

En todo caso, o rexedor compostelán asegurou, en declaracións a Europa Press, que cando se lle trasladou a información tratouse como un "incidente menor", como así o cualificou o propio Noriega. Ademais, dixo que tamén falou coa deputada, que ademais é inscrita de Podemos, e comunicoulle que a súa intención sempre foi a de "mediar", versión que así mesmo deu por boa.

"Onte (martes) despachei como cada semana co xefe da Policía Local, onde se me informou das incidencias na cidade e, neste caso, informóuseme dunha incidencia menor", relatou, en referencia á actuación policial que se iniciou por mor dunha denuncia dun veciño, que alertou de que un grupo de mozos rompera varios espellos retrovisores.

Por mor desta chamada telefónica, desprazouse unha patrulla da Policía Local á zona e, preto da rúa Pitelos --onde segundo o atestado policial estaban varios vehículos cos espellos rotos--, os axentes atoparon a un grupo de mozos entre os cales estaba Paula Quinteiro.

"EU NON TEÑO POR QUE DUBIDAR"

O atestado policial sinala que a parlamentaria se identificou como tal e esgrimiu a súa condición de deputada para "dificultar" a identificación doutra persona, Fernando B.R., que finalmente, e após ser reducido, ensinou o seu carné de identidade, segundo este relato.

"Do que se me informou por parte da Xefatura é que a actuación da Policía é correcta; e eu non teño por que dubidar desta actuación", subliñou Noriega.

Dito isto, indicou que tamén falou coa "compañeira Paula", coa que comparte o espazo político ao redor de En Marea. "O que me informa é que ela intermedió nunha identificación que detectou como errónea e que se identificou como cargo público", explicou o rexedor compostelán.

A propia Paula Quinteiro argumentou en declaracións públicas, fronte ao que recolle o atestado policial, que observou unha actuación "desmedida" da Policía cun dos mozos que formaba parte do seu grupo e que a súa intención foi en todo momento a de "mediar".

Sobre esta cuestión, Noriega considerou "positivo que intermediaria". "É a posición que teño como alcalde", agregou, para insistir en que considera que se trata de "un incidente menor".

"Considero que hai asuntos moito máis importantes no Parlamento que este e que mesmo na propia cidade a nivel de incidente é un incidente absolutamente secundario no que non detecto ningunha responsabilidade máis aló das canles regulamentarias que poida seguir a dilixencia", indicou.

"NON PODE SER INSTRUMENTALIZADA"

Preguntado sobre se por parte do Concello vaise a investigar a actuación policial ao non coincidir a versión recollida pola Policía no atestado policial e o relato da deputada de En Marea implicada no incidente, Noriega afirmou que entende que, como alcalde, tócalle " darlle veracidade á información" que lle "traslada o xefe da Policía Local".

"E entender tamén que ela fai un labor de intermediación que non pode ser instrumentalizada politicamente", matizou, acto seguido, o rexedor compostelán.

MOCIÓN DO PP

Pola súa banda, o grupo municipal popular expresou o seu apoio á actuación da Policía Local no incidente coa parlamentaria de En Marea e anunciou que presentará no próximo pleno unha moción para expresar o seu apoio ao labor da Policía Local no incidente coa parlamentaria de En Marea na Rúa Pitelos.

Así mesmo, o grupo popular considera "claramente indebido" o uso que "esta deputada empregou da súa condición de parlamentaria".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta