Boqueixón acolle unha nova escola para producir madeiras e froitos do bosque con especies galegas

O espazo inaugurado ten unha superficie de 18 hectáreas e está destinado á produción madeireira de frondosas, froitos do bosque e xestión forestal. O proxecto foi creado pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) co apoio do grupo Inditex.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/03/2018 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

A superficie sitúase ao pé do Pico Sacro en Boqueixón e tamén está destinada á aprendizaxe de técnicas forestais e de cultivo. O lugar é un conxunto de terreos de once propietarios diferentes. Todos eles subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a cesión das súas propiedades. Na inauguración participaron representantes de diversas entidades, entre eles o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto.

Imaxe da escola forestal de Boqueixón
Imaxe da escola forestal de Boqueixón

O espazo será xestionado por un equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia con apoios desde  Unidade de Xestión Forestal Sostible da Universidade de Santiago, Forest Stewardship Council (FSC), Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC e centros de investigación como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego (ACEFGA).

A idea desta superficie didáctica é mostrar tres finalidades, a plantación de rodais de frondosas para ter madeira de calidade, produción de cogomelos e froitos do bosque e a xestión dunha zona de interfaz agrícola-forestal cun uso mixto. Tamén levaron adiante diversas actuacións como a recuperación dun souto de castiñeiros adultos que adoecían de coidados tanto nos fustes como podas inmediatas.

O monte demostrativo do Pico Sacro está deseñado para permitir a realización de actividades formativas e divulgativas mediante visitas organizadas nas que se amosará o manexo do monte. O espazo foi dividido e acondicionado para permitir un acceso cómodo. Sinalizáronse as parcelas demostrativas e establecéronse itinerarios didácticos. Contarase con material de apoio para facilitar a comprensión por parte dos visitantes. As visitas dos silvicultores serán organizadas polas entidades colaboradoras e os visitantes estarán acompañados por expertos. Entre as especies que se tratarán están castiñeiros, frondosas como carballo americano e árbores de froita como cerdeiras.

Inauguración da escola forestal Boqueixón
Inauguración da escola forestal Boqueixón
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta