A Xunta avisa de que non realizará unha nova oferta o luns na súa resposta aos sindicatos de xustiza

O comité de folga replica que "non admitirá chantaxes" por parte do Goberno galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2018 | Actualizada ás 13:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta avisou aos sindicatos de xustiza de que non realizará unha nova oferta e reitera a vixencia da realizada na última reunión, na que ofreceu unha nova alza non lineal e por corpos. En concreto, 135 euros ao mes para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio.

Traballadores da xustiza este venres en Pontevedra
Traballadores da xustiza este venres en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Despois de que o comité de folga solicitase por escrito manter unha nova reunión o vindeiro luns --ás 11,00 horas en San Caetano--, na súa resposta remitida este venres, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, deixa claro que se a intención das organizacións sindicais é "que exista unha nova preposta" por parte da Administración autonómica "esta non se producirá" e que, por tanto, a comparecencia da Xunta no encontro "non tería obxecto".

Neste sentido, volve pór en valor a ofrecida na reunión do día 19 ao considerar que a postura mantida polo comité de folga "perdeu validez" pola "decisión dos funcionarios" que o pasado mércores avalaron, nunha votación en urna, que os sindicatos negociasen sen que os 190 euros máis ao mes fosen a "postura mínima obrigatoria".

Ademais, insiste en que a disposición do Goberno galego quedou clara no seu "obxectivo de pechar a folga" indefinida que este venres encara o seu 45 día consecutivo. Así, lembra que mantivo "15 reunións" cos sindicatos, que formulou "oito propostas" de subida salarial" ou que "deu cumprimento ao acordo parlamentario adoptado no seu día".

"Comprometeuse a aplicación das subidas xa no ano 2018 e concretouse unha proposta que, unida á subida anunciada polo Goberno central (que tamén pagará a Administración autonómica), supón un incremento salarial do 14% e garante que os traballadores de xustiza queden sempre por encima da media estatal", incide.

POSTURA DOS SINDICATOS

Pola súa banda, preguntadas respecto diso, fontes do comité de folga, no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, FeSP-UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO., avanzaron que acudirán "si ou si" ao encontro do próximo luns ao considerar que é nese foro onde a Xunta debe trasladar a súa postura e "non a través dos medios de comunicación".

Ademais, advertiron de que, se a intención da Xunta é "non mover ficha", analizarán tomar distintas medidas. "Non nos podemos quedar quietos chegados a este punto e non imos aceptar chantaxes por parte da Administración", advertiron.

Outras fontes sindicais incidiron en que se o Executivo autonómico se manten na súa postura "a folga continuará" e as mobilizacións serán "máis contundentes".

E é que consideran que o que pretende a Xunta é "facer caixa" co diñeiro perdido polos funcionarios nestes 45 días de folga xa que, segundo indicaron, "coa actual oferta necesitaríanse 20 meses para que os traballadores" recuperasen o perdido que cifran en máis de 3 millóns de euros.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta