A Axencia Ferroviaria Europea obtivo información en Madrid para o informe de seguridade

Expertos comunitarios auditaron a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, Adif e o organismo notificado Cetren

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2018 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

Un equipo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA polas súas siglas en inglés) estivo en misión de auditoría en Madrid durante o pasado mes de febreiro para solicitar información para redactar un informe sobre o nivel de cumprimento en España da normativa en materia de seguridade e interoperabilidade. Así o confirmaron fontes da ERA, que apuntan que aínda que a previsión era ter este documento listo para xaneiro, así se lle trasladou á plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia, polo de agora non se deu rematado e estima que "debería" estalo para verán.

O tren Alvia, instantes despois de descarrilar na curva de Angrois
O tren Alvia, instantes despois de descarrilar na curva de Angrois | Fonte: Europa Press

"Os protocolos e xestións para estes informes son complicados", explican desde a Axencia Ferroviaria Europea, para xustificar que o informe "non se completou en xaneiro, pero debería estar listo para a Comisión este verán". E é que foi a Comisión Europea a que lle pediu á ERA que examinase a implementación en España dos elementos da lexislación ferroviaria da Unión Europea. A solicitude foi consecuencia das dúas demandas (unha por incumprimento da normativa de seguridade e outra por publicidade enganosa) que a asociación de vítimas de Angrois interpuxo no seu día na comisión de peticións da Eurocámara.

Para dar resposta a este requirimento, un equipo de representantes da axencia europea do ferrocarril visitou na segunda semana de febreiro a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, Adif e o organismo notificado (Notified Body) Cetren, segundo informaron fontes consultadas.

VERIFICAR A INTEROPERABILIDADE

Os responsables da ERA obtiveron información do tres partes e, entre outras cuestións, estudaron como Cetren realiza o seu labor de verificar a interoperabilidade, conforme a normativa europea, de varias liñas, incluída a de Ourense-Santiago, onde se produciu o accidente que en xullo de 2013 saldouse con 80 mortos e 144 feridos.

Esta liña, a pesar de ser inaugurada en 2011, carecía do certificado europeo de interoperabilidade, clave para permitir a circulación segura e ininterrompida de trens, que o administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) non encargou até setembro de 2016.

De feito, a través dun documento que consta no sumario da causa xudicial polo sinistro ferroviario, a empresa pública Adif comunicou, ao comezo da investigación, que non lle constaba "que nalgún momento se iniciasen as tramitacións necesarias para a obtención de ningún certificado de interoperabilidade da liña a través dun organismo notificado".

Un ano despois, en xullo de 2015, o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleu o anuncio de licitación dun contrato para lograr, precisamente, esta verificación 'CE' de interoperabilidade. Despois dun procedemento no que unha empresa belga impugnou a adxudicación, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais levantou a suspensión da licitación en outubro de 2016, e unicamente presentouse o organismo español, Cetren.

A IMPLICACIÓN DA ERA

Actualmente, os expertos comunitarios en materia de seguridade ferroviaria avanzan no informe que lle pediu a Comisión para coñecer se o Estado español cumpre coa normativa en materia de seguridade e interoperabilidade. As auditorías da ERA aos distintos estados membro son algo habitual, posto que unha das súas funcións desde 2006 é a realización de "estudos sobre a seguridade do ferrocarril na UE", segundo recolle a súa páxina web.

O que é significativo para as fontes consultadas é que se auditen expedientes de posta en servizo, algo que relacionan co papel que a Axencia Ferroviaria Europea está a desenvolver nas pescudas sobre os motivos do sinistro da Grandeira. E é que a súa participación neste caso tomou peso cun estudo moi crítico coa investigación que realizou a CIAF, a comisión adscrita ao Ministerio de Fomento que se ocupa de examinar os accidentes de tren en España.

INFORME PENDENTE TAMÉN NO XULGADO

Nestes momentos, o xulgado que instrúe a causa está pendente do informe que lle requiriu á ERA para coñecer as súas impresións sobre se a análise de riscos que se realizou na liña foi o adecuado. A afección da folga dos funcionarios de xustiza en Galicia leva a algunhas partes a dubidar sobre se este documento xa chegaría ao xuíz.

Por eventuais "defectos" nesa avaliación de riscos están imputados dous cargos de Adif e un de Renfe, así como tres técnicos de Ineco. Pola súa banda, ao maquinista atribúeselle unha imprudencia por circular con exceso de velocidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta