Dous anos e un mes de prisión para un home que entrou cunha escopeta nun supermercado de Ourense

Na sentenza recoñécese que ten afectada a súa capacidade de comprensión

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2018 | Actualizada ás 17:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal número 1 de Ourense fixo pública este venres a sentenza que condena a dous anos, un mes e dous días de prisión ao home de 35 anos que en xaneiro de 2017 entrou cunha escopeta nun Mercadona da cidade onde realizou seis disparos, un deles dirixido a un axente da Policía Local que lle instou a entregarse.

A defensa do acusado aceptou a solicitude da Fiscalía, aínda que se suspendeu a execución da pena de prisión imposta por un prazo de tres anos, coa condición de que o procesado continúe co tratamento psiquiátrico que segue desde pouco despois da detención e de que se manteña baixo a custodia da súa nai.

A sentenza considera acreditado que o home presenta un trastorno psicótico "con afectación grave da capacidade de comprensión e de actuación" en relación aos feitos xulgados.

FEITOS

O suceso tivo lugar o 11 de xaneiro de 2017, cando o home entrou nun supermercado da rúa Otero Pedraio cunha escopeta na man e realizou varios disparos no seu interior. Durante o seu percorrido polas instalacións comerciais realizou dúas descargas contra o teito e rompeu numerosas botellas no departamento de bebidas.

Un axente de Policía Local que estaba fóra de servizo pediulle que deixase a arma no chan pero o acusado realizou un disparo sobre un cartel do teito e outro cara ao axente, que impactaría contra un dos cristais da entrada do supermercado.

A continuación o home detívose na zona dos caixeiros, onde collería varios billetes dunha das caixas rexistradoras, acendería un cigarro e comeríase un par de plátanos antes de entregarse á Policía Nacional.

A sentenza condena ao acusado a unha multa de tres meses e un día, cunha cota de cinco euros, por un delito de danos. Tamén se lle engade a mesma pena por un delito de tenencia ilícita de armas.

Por un delito de roubo con intimidación e instrumento perigoso, en grao de tentativa, impónselle oito meses de prisión e a prohibición de acceso aos supermercados de Mercadona en Galicia, durante tres anos.

A petición máis elevada, un ano de prisión, realízase por un delito de atentado contra un axente da autoridade con emprego de instrumento perigoso. En total serán dous anos, un mes e dous días, dos que se lle descontará o tempo que estivo privado de liberdade por esta causa.

RESPONSABILIDADE CIVIL

En materia de responsabilidade civil o acusado deberá indemnizar ao supermercado co pago de 3.963,01 euros, máis o pago de intereses legais.

No caso de que non conte con recursos económicos suficientes poderá fraccionar esta débeda en 24 mensualidades, a abonar durante o primeiros dez días de cada mes.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta