A Xunta carga agora contra os alcaldes que protestan pola privatización da sanidade

O conselleiro de Sanidade asegura que nas urxencias sanitarias galegas pode haber unha "ralentización" pero non un colapso. Vázquez Almuíña di que hai unha "politización" da supresión de áreas sanitarias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2018 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acusou aos alcaldes de comarcas afectadas pola supresión de áreas sanitarias que recolle a nova Lei de Saúde de actuar "claramente" de forma partidaria e defendeu que a reforma suporá "incrementar servizos" e "achegar os servizos aos cidadáns".

Jesús Vázquez Almuíña, en entrevista na Cadea Ser
Jesús Vázquez Almuíña, en entrevista na Cadea Ser | Fonte: Europa Press

En entrevista á Cadena Ser recollida por Europa Press, Vázquez Almuíña asegurou que se fixo un "esforzo enorme" de explicación da reforma aos representantes políticos da comarca sobre a lei pero critica que algúns non acudisen ás reunións.

"Fíxose un esforzo enorme de explicación aos alcaldes, portavoces políticos desa comarca para explicar a lei, nas reunións parecía que se entendía pero despois cara ao exterior non se trasladou, e houbo alcaldes de cidades importantes que non acudiron ás reunións, cada un sabe as súas responsabilidades", puntualizou.

Por este motivo, cuestiona "quen está detrás das Plataformas" sanitarias que encabezan as protestas contra a reforma e, ante a pregunta de se considera que algúns alcaldes adoptaron unha posición partidaria, replica con contundencia que "claramente".

Fronte ás críticas expuxo a situación da zona da Mariña. "Que alguén lles pregunte aos veciños de Burela, a pacientes de oncoloxía, que son tratados en hospital de día de Burela con profesionais de Lugo e evitan desprazarse á Coruña ou a Lugo" como tiñan que facer, engadiu, anteriormente.

Así, defendeu que a redución de 11 a 7 áreas sanitarias só é unha parte do "cambio real" que supón a Lei, posto que se crean "14 distritos sanitarios en Galicia", onde "antes non aparecía ningunha determinación legal", de modo que os hospitais de Barbanza, Costa da Morte e Verín que "antes non aparecían, agora serán distritos".

Desta forma, "increméntase a estrutura sanitaria para atender á poboación" e se "blinda por lei eses distritos", que quedan así "nominativamente creados", polo que, sinalou Vázquez Almuíña, "non hai ningunha posibilidade, salvo que cambien a lei, de que se elimine a atención sanitaria".

Con este marco legal que supón a creación de 14 distritos, que aglutinan hospitais, centros de saúde e mesmo centros sociosanitarios, sostén que se achegan os servizos que antes se prestaban só en grandes hospitais. Como exemplo, ante a pregunta da desaparición da área sanitaria do Salnés, explicou que coa creación do distrito permitirase que os profesionais tanto do Salnés como de Montecelo poidan atender a pacientes que "son desa mesma área" e que "até agora parecía que estaban illados".

"ENLENTECIMIENTO NAS URXENCIAS", NON COLAPSO

O conselleiro de Sanidade tamén respondeu ás críticas sobre a situación das urxencias, un "sistema vivo" que depende da demanda do cidadán, agregou. Nesta situación, asegura que en "épocas do ano na que a afluencia en urxencias é maior" aplícase o sistema de "triaxe" que cualifica aos pacientes segundo o grao de urxencia, polo que "pode haber enlentecimento dos pacientes menos graves" pero non colapso.

"Cando se fala de colapso non estou de acordo. Colapso é outra cousa. Pode haber enlentecimento da atención dos pacientes menos graves". Aínda así, ante esta situación, a Consellería aposta por aumentar os espazos físicos, como se fixo recentemente en Vigo, e por contratar persoal. "Estamos a incrementar o persoal, contratamos persoal especificamente nas áreas nos momentos de maior afluencia e temos un plan de continxencias que afecta non só ás urxencias senón tamén ao resto dos servizos".

Paralelamente, avógase pola coordinación co resto do sistema hospitalario, algo que xa se transmitiu aos xerentes das áreas sanitarias, para que se estableza o tempo límite para que os pacientes ingresen en planta.

REDUCIÓN DE PRAZAS EN MEDICIÑA

Cuestionado sobre a redución de prazas na carreira de Mediciña, explicou que é o Estado o que "marca as necesidades de médicos futuros", aínda que desde a Xunta pedirase ao Ministerio que en Galicia se amplíen as prazas de residentes para formar a un maior número de pediatras e médicos de familia, xunto con algunha outra especialidade que se considere deficitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Para cando tentarán Feijoo e o seu Conselleiro de Sanidade de vonvencernos de que o cabalo branco de Santiago é verde?