Carmela Silva: "Imos manter o goberno da Deputación de Pontevedra"

A presidenta da Deputación de Pontevedra está "convencida" de que os resultados do PSOE na provincia serán "extraordinarios" e servirán para reeditar un novo pacto de goberno co BNG. Tamén cre que a deputada de Podemos Paula Quinteiro debería "pedir desculpas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2018 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, mostrouse "convencida" é de que "o Partido Socialista vai ter mellor resultado do que as enquisas din" e que augura que na provincia de Pontevedra serán "extraordinarios". "Van ser tan extraordinarios que a día de hoxe podemos dicir que imos manter o goberno da Deputación", engadiu en alusión a reeditar un novo pacto de goberno co BNG.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

O que ten que "estar moi preocupado", con todo, a xuízo de Carmela Silva, é o Partido Popular "que está a caer como unha pedra" tanto a nivel do Estado como en Galicia. Silva aprecia que "empeza haber unha deterioración moi importante do presidente da Xunta" e compara esta situación coa do PSOE, cuns alcaldes socialistas que "están moi ben valorados".

Como exemplo, citou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para quen Silva prognostica que nas eleccións municipais de 2019 vai superar o 52% das anteriores. A presidenta da Deputación tamén se referiu a Ciudadanos. Recoñécelle á formación laranxa que "acertou no seu discurso en Cataluña" e "isto ten unha gran repercusión a nivel estatal", pero critícalles que "están a facer propostas que cren que contan co apoio maioritario da cidadanía tamén sen dicir como farían".

No entanto, admitiu que haberá que observar con atención o papel político de Cidadanos, aínda que na provincia de Pontevedra considera que "vai supor moi pouco" de cara ás próximas municipais.

CASO PAULA QUINTEIRO

Por outra banda, asegurou que as diferenzas internas de En Marea van "danar a imaxe de Podemos" e da propia formación "en Galicia e por tanto a nivel municipal". Nunha entrevista á Radio Galega, recollida por Europa Press, Silva aseverou que "á xente non lle gustan as liortas internas dos partidos políticos nin as diferenzas", e que a ausencia de "posicións comúns" resta credibilidade ás súas propostas ou á súa capacidade de establecer futuros acordos de goberno.

"Eu creo que iso é unha evidencia. É difícil convencer á xente de que vas poder gobernar e que vas poder tomar decisións seguramente nunha contorna no que non volverá haber en moito tempo maiorías absolutas", asegurou Carmela Silva, para quen "onde vai ter que haber capacidade de construír, de fiar acordos para poder gobernar, é difícil convencer á xente de que será posible se dentro dos propios partidos políticos non hai a capacidade de ter posicións comúns".

E isto, engadiu, "vai danar a imaxe de Podemos e de En Marea en Galicia e por tanto a nivel municipal". Respecto da polémica xerada en torno ao incidente da deputada de en Marea, Paula Quinteiro, coa Policía Local, Silva asegurou que non lle gusta "criminalizar a ninguén" e que non concorda con "comportamentos nos que se tenta queimar na praza pública á xente". Agora ben, entende que Quinteiro "cometeu un erro moi importante" e "grave" e cre que "cando menos ten que pedir desculpas públicas".

ALFONSO RUEDA, "ESPECIALISTA EN MONTAR LEA"

Preguntada sobre unha eventual comarcalización dos parques de bombeiros, Silva asegurou descoñecer que haxa "nada" respecto diso e acusou ao vicepresidente da Xunta de Galicia, a Alfonso Rueda, de ser un "especialista en montar lea". "Isto é un intento máis do señor Rueda, especialista en montar lea, de montar lea".

Carmela Silva criticou tamén a actuación da Xunta na crise da auga, ao entender que "fixo todo mal" cando se falou do posible transvasamento do río Verdugo, e critica que "non se falou co alcalde de Pontecaldelas", senón que se fixo "pola vía do feito", insistindo en que as políticas de augas e transvasamentos son da Xunta.

Rexeitou valorar, en cambio, a dimisión do alcalde de Pontecaldelas como número dous do PSOE provincial, tras unhas palabras críticas de Abel Caballero cara á súa persona. Silva argumentou que non está nin nas direccións galega nin na pontevedresa do partido, e que só fala da Deputación de Pontevedra e dos problemas dos cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta