En Marea ve "unha provocación" o posible nomeamento da subdirectora investigada

Piden "explicacións" á Consellería de Sanidade e ao Ministerio que "desbote a posibilidade de nomeala"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2018 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A portavoz de sanidade de En Marea, Eva Solla, considerou "unha provocación e un insulto" o "máis que probable nomeamento" por parte do Ministerio de Sanidad da até agora subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González-Criado, investigada por homicidio imprudente na causa da Hepatite C.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña,  coa subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González-Criado
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, coa subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González-Criado | Fonte: xunta.gal

Segundo confirmaron fontes da Xunta, Carolina González-Criado deixa a Administración autonómica por mor dunha oferta do departamento de Dolors Monserrat para participar nun estudo da área farmacéutica. "Desde Marea queremos pedirlle explicacións á Consellería de Sanidade para saber que valoración fai e se coñece ese máis que probable nomeamento de Carolina González-Criado dentro do Ministerio de Sanidad", manifestou Solla.

Así mesmo, o grupo de En Marea reclama, ademais, á Consellería de Sanidade "que valoración fai tendo en conta que é unha persona imputada por un presunto homicidio imprudente relativo á non proporción dos tratamentos de Hepatites C no momento no que a Xunta non tiña aprobado o plan de tratamento".

"Parécenos unha provocación e un insulto que, a pesar de que aínda se está levando a cabo esta instrución e esta persona aínda pode ser xulgada, por parte da Xunta non se teña en consideración esta circunstancia e tampouco por parte do Ministerio, desprezando a dor das familias e das vítimas, das persoas que faleceron sen recibir os tratamentos", manifestou.

POLÍTICA FARMACÉUTICA

"E desprezando tamén evidentemente a súa situación con relación á Xustiza", abundou, para pedir á Administración "que tome cartas no asunto" e que "o Ministerio desbote a posibilidade de nomeala".

"Desde logo queremos saber tamén que vai facer a Consellería de Sanidade e que opinión lle merece que unha persona que até agora tamén mantén un cargo na Administración pública a pesar de estar imputada por presunto homicidio imprudente, vaia a ser un elemento circunstancial dentro da política farmacéutica do Ministerio de Sanidad", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta