Haberá 25.000 vehículos máis circulando por Galicia na Semana Santa

Na campaña de Semana Santa do ano 2017 rexistráronse en Galicia 2 vítimas mortais en accidentes nas estradas galegas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2018 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Máis de 900.000 coches máis en todo o Noroeste e 25.000 en Galicia. Esas son as previsións que fai a Dirección Xeral de Tráfico con motivo do comezo da segunda fase da Operación de Tráfico Semana Santa 2018 ás 15:00 horas deste mércores. Así, prevé que ata o domingo se produzan un 10% de todos os desprazamentos previstos en territorio español.

Autopista AP9 Chapela hacia Vigo
Autopista AP9 Chapela hacia Vigo

A Dirección Xeral de Tráfico mobilizará desde o Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, situado na Coruña, a todos os recursos humanos e técnicos dispoñibles, así como ás empresas de asistencia e mantemento na estrada, para garantir a fluidez e seguridade no tráfico durante estas datas. Á súa vez, a Garda Civil de tráfico vixiará a rede viaria galega con todos os axentes dispoñibles para  velar por que os desprazamentos se realicen nas mellores condicións de seguridade, pondo especial fincapé no control do uso dos sistemas de seguridade, velocidade e consumos de alcol e drogas.

Na campaña de Semana Santa do ano 2017 rexistráronse en Galicia 2 vítimas mortais en accidentes nas estradas galegas. No que vai de ano 2018 o número de falecidos ascende a 18, o que supón 1 menos que o ano pasado nestas mesmas datas, sendo un dos falecidos da primeira fase de Semana Santa 2018.  

A operación de Semana Santa en Galicia finalizará o domingo 1 de abril nas provincias da Coruña (fóra de Padrón), Lugo e Ourense, mentres que en Pontevedra darase por pechada o luns 2 de abril. As principais complicacións pódense atopar á saída das grandes cidades e naquelas estradas que teñen como destino os lugares de segunda residencia, poboacións con actos relixiosos tradicionais ou zonas de montaña e as de atracción turística invernal. 

RECOMENDACIÓNS 

A Delegación do Goberno destaca a importancia de revisar os vehículos e consultar as rutas a seguir antes de iniciar cada desprazamento, así como facer o correcto uso dos sistemas de seguridade. Do mesmo xeito lémbrase que os cidadáns dispoñen de diversas ferramentas facilitadas pola propia DXT (teléfono 011, páxina web, twitter, aplicacións móbiles e boletíns informativos de radio e televisión). 

Durante o desprazamento débense respectar as recomendacións de descanso, as normas de circulación, a adecuación da marcha ás condicións da circulación e estado da vía e, por último, o uso adecuado de todos os dispositivos de seguridade para os ocupantes adultos e menores. Se se é usuario de bicicleta, é necesario lembrar que, ademais do casco, hai que circular con luces e peza reflectora cando se circule pola noite ou con diminución da visibilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta