O caso de Touriñán

Antes de me queimar no tema Touriñán - porque iso de me queimar, descartado - vou cunha anécdota de algo que lle aconteceu ao finado de Edward Kennedy...

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 13/02/2011

Comparte esta noticia

Edward Kennedy, ao pouco de chegar ao Senado (1962), novo e abarrotado de idealismo –no mellor da súa vida, dirían as grandes mulleres da miña aldea -, axiña se envorcou a traballar nos temas que máis o movían: dereitos civís, igualdade de xénero, melloramento dos sistemas educativos, e tantos outros temas de carácter social que puideran aliviar – e de feito aliviaron - a discriminación e marxinación social e económica das minorías étnicas e mais doutros grupos sociais en situación precaria, maltratados e aínda nalgúns casos vilmente deshumanizados. Indubidablemente Edward Kennedy foi un xigante da democracia, un parlamentario de talla que sempre soubo que estaba alí para servir aos intereses colectivos da sociedade. Soubo distanciar a súa vida privada das súas obrigas públicas, comezando polas súas crenzas persoais: home de fe, profunda, practicante ata a última hora; non obstante, polos feitos, que o que conta, deixou sempre constancia que a vida privada, as crenzas de cadaquén, non tiñan cabida na actividade parlamentaria. E contan os biógrafos de do finado Senador que foi un dos poucos - se cadra o único - políticos de talla que endexamais no seo do Congreso invocou a “Xesus”, “Deus”, a Biblia ou calquera outras referencias de validación moral. Sentencias, todas elas, moi ao día nas hipócritas gorxas do cotiá parlamentario estadounidense.

Como home de fe, que o foi, os asuntos vencellados á fe deixábaos tranquiliños na casa, onde a eles acudía no seu tempo libre e soberano, e tamén a eles acudía nos lugares correctos e apropiados. Non criticaba aos hipócritas  oportunistas que alleos, por completo, aos reclamos máis mínimos do pudor inescrupulosamente paseaban – e pasean - a Biblia polos corredores do Congreso, incapaces de dar un discurso, unha presentación, un debate, sen citala milleiros de veces, case se podería dicir que en plena forma Talibán. O de Kennedy era o exemplo como sumo instrumento de docencia. Nas primarias Demócratas foi o primeiro político de talla en pronunciarse por Obama, da maneira máis clara e comprometida. Kennedy faláballe á xente das cousas que había que tratar, sempre tratándoos como adultos, como iguais, sen explotar as súas fobias nin depredar na súa ignorancia. Dureza e clarividencia, iso foi Kennedy.  Con todo o grande que foi este home,  cometeu un erro cuxas consecuencias foron –son- inconmensurables, e aínda a día de hoxe todo o país está pagando as terribles consecuencias daquela xigantesca falla: A reforma do  sistema de saúde pública. O que máis  o ocupou, e foi onde fracasou. Si, fracasou. Aclaro: Ao pouco de apousar no Senado envorcouse a traballar, moi duro, en prol dunha reforma dos servizos de saúde pública que garantira cobertura universal, uniforme e federal para toda a sociedade. Nunca tanto traballo foi tan fútil nin tanto talento tan torpemente estragado. Púxolle máis corazón ca cabeza á devandita tarefa, e cego polo reflexo do seu propio  idealismo, cando chamou á súa porta a grande oportunidade da súa vida non a deixou entrar. Nunca máis o volveu visitar.  Foise aquela grandísima oportunidade, xa para sempre  extraviada no inferno das boas intencións, lugar ineludible de tódolos grandes ideais cando estes se esquecen de beber dos mananciais do pragmatismo do mundo real. 

Contou o vello Senador que o Presidente Richard Nixon lle ofrecera unha solución compromiso moi superior a que se estaba a considerar no Senado nas derradeiras semanas da súa vida.  A oferta de Nixon garantía cobertura universal utilizando un sistema con semelles ao que empregan na Suíza: promulgar unha cadea de empresas de seguro médico de vocación social, as chamadas not for profit. Kennedy díxolle que non, que el “demandaba!”  un servizo de saúde público único, universal, e federal. Demandou, mais non acadou. Alí morreu o conto: nin Kennedy aceptaba menos nin Nixon firmada tanto. Quen nas pagou? Os de sempre, os máis pobres, os mesmos que Kennedy quería axudar e protexer. O vello senador finou sen ver a reforma sanitaria: quíxoo todo e non consigue absolutamente nada. Algo con trazos a ese acontecido sucedeulle ao Bipartito no que atinxe a acuicultura: non rotundo e contundente ao proxecto Pescanova –xa aprobado pola administración anterior. Morreu Nixon, e tamén Kennedy, e o proxecto de reforma do servizo de saúde pública - arestora xa lei - dos EEUU é moi inferior a aquel compromiso perdido nos labirintos do idealismo. O Bipartito finou, non atoparon o punto de  compromiso con Pescanova, mais agora mandan outros, e o resto é tan fácil de adiviñar... Cando o Bipartito regrese ao poder -que iso si e fácil de predicir - e na Costa da Morte –un dos lugares mais pobres dos país, desanaquizados pola emigración, o paro e a precariedade laboral -   haxan 400 persoas empregadas nunha piscifactoría nas proximidades do Touriñán –ou aínda no mesmo  Touriñán- e outras tantas en traballos derivados,  quixera eu ver o valente que lle ha por o cascabel ao gato. 

Calquera compromiso, serio e amigable, que o Bipartito houbese arranxado con Pescanova e mais coas outras empresas da industria acuícola, indubidablemente houbera sido moi superior, no que atinxe ao respecto ao medio e á Rede Natura, có que nos vén encima. E que nos vén encima, iso está claro. Xa logo, é inescusable a falta de perspicacia amosada polo Bipartito; agardo que as consecuencias non duren as longas décadas que duraron as queixumes do vello senador.

Que ninguén teña dúbida, nas proximidades do Touriñán ha haber acuicultura, no porque o diga Nuñez Feijoó; ha haber acuicultura porque a realidade existe e é rotundamente ineludible: o estado de pobreza da Costa da Morte, coa metade da súa poboación espallada polo mundo adiante porque alí non teñen medios de vida, esixe un estado de excepción. É inconcibible que Touriño e Quintana non souberan iso. E se o sabían, é inconcibible que  non o gobernaran. E se non o sabían, entón é simplemente inconcibible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/