Temas: TEATRO AGADIC

O ir e vir do teatro independente en Galicia

A crise económica foi un golpe ben duro para o teatro galego. Ata daquela existían circuitos que outro que incluían concellos grandes e pequenos. Pero houbo salas que pecharon ao non poderen ou non teren orzamento dabondo para manterse.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O teatro independente en Galicia nunca o tivo fácil. Mesmo no tempo que houbo unha política de subvencións culturais e que permitiron achegar compañías a circuitos como a Rede Galega de Teatro. Non obstante, moitos e moitas profesionais consideraron, tamén antes da recesión, que subvencionar as entradas ou cobrar un euro, puido ser o elemento que disuadira á xente de asistir a espectáculos pagando.

Teatro Principal en Santiago de Compostela
Teatro Principal en Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago

Por outra parte, hai tamén unha serie de demandas do sector, sobre todo de actores e actrices, que pedían unha mellor atención ao seu traballo. Entre as súas demandas estaban delimitar ben as categorías profesionais dentro da actuación. Parar co intrusismo que se estaba dando e mellora nos cachés e retribucións segundo os convenios do sector. Mais a historia continúa e logo duns dous anos nos que, segundo din, parece haber unha época de recuperación en varios sectores económicos, a cultura podería estar sentindo tamén os pulos de mellora.

O ESTADO DAS COUSAS

Xoque Carbajal, de Mala Sombra Teatro, asegurou a Galicia Confidencial que “agora mesmo estamos algo mellor que hai un tempo”. Pero Carbajal axiña avisa “tampouco podemos dicir que sexa unha situación fantástica pero polo menos vai habendo máis programación”. Xoque confirma a dura caída que foi “que a crise levase por diante axudas que recibiamos para o teatro”. Houbo compañías que saíron da Rede e buscaron novos escenarios adaptando os seus orzamentos e infraestruturas para diversificar a súa oferta. A día de hoxe existen circuitos dependentes de AGADIC e tamén das deputacións da Coruña e de Pontevedra.

A cuestión é que este momento semella ser o idóneo para a negociación de novas vías para axudar á escena galega. “Tivemos reunións con AGADIC para poder ir recuperando o que tiñamos e desta volta parece que pode haber compromisos” sinalounos Xoque Carbajal. Porque a cuestión é devolver a confianza no público para poder ir ao teatro sen que iso sexa visto como un gasto a evitar.

Mais o estado das cousas, saber como se mantén o teatro independente tería como resposta “con dificultade”. Así o contestan Anabell Gago e Lorena Conde, de Matrioshka Teatro. As raíces desta resposta están no que consideran menor nivel de distribución que existe na actualidade. A isto hai que engadirlle os custes da produción e o seguemento dos convenios. “Nun caso coma o  noso  no que estamos catro persoas, un pequeno formato, pódense ir 20.000 euros ou máis” di Anabell Gago.

O pequeno formato supón entre tres ou catro persoas. “A cuestión logo é que non hai un caché mínimo para este modelo de compañía, así os cachés van baixando moito” di Lorena Conde. Isto trae como consecuencia que ás veces as compañías dificilmente cubran gastos. Cunha situación así é difícil competir. Aínda así, existen formas de poder sobrevivir ben facendo unha sociedade, cousa que levaría a que todas as persoas da compañía fosen autónomos e autónomas, ou crear unha compañía na que unha persoa contrate ás outras.

FORMAS DE ESTABLECERSE

As compañías cun percorrido temporal máis longo ou cunha produción máis poderosa, figuran case todas como sociedades, ben mercantil ben limitada. Pero o caso é que segundo din as dúas actrices entrevistadas, a fórmula máis común é que alguén contrate aos demais membros. Isto podería explicar que nalgunhas listas de resolución para subvencións ás artes escénicas apareza un número de persoas indiviudais en ditas resolucións. “A explicación é que a maioría son autónomos ou autónomas”. Aínda así, as compañías que comezan no teatro teñen un límite orzamentario fixado sobre os 20.000 euros. Nalgúns casos ese diñeiro non abonda para cubrir todo o proxecto. A solución? “Facer de todo, que unha persoa sexa directora, escenógrafa, deseñadora e técnica de son e luz” responde Anabell Gago.

“O caso é que tamén, ao non haber unha distribución moi ampla é moi difícil recuperar o investimento na túa peza” di Lorena. Nese caso, hai compañías grandes con posibilidade de recuperar parte do investido rebaixando cachés. Desta maneira haberá de ter máis distribución, pero as compañías máis pequenas non poden competir. Por outra banda, as axudas á distribución “son case unha lotaría” pois antes si que estudaban os proxectos, pero agora é por orde de chegada.

PROFESIONALIZACIÓN, PREZOS E IVE CULTURAL

A reivindicación da profesionalización do teatro é unha demanda que viña desde os anos 80. Cara a primeira década do século XXI conseguírase en boa medida profesionalizar o mundo do teatro, pero chegada a crise, ese foi un dos puntos que máis se resentiran. Ao final houbo que facer o apuntado antes, o troco. Alguén que dirixise o espectáculo porque antes se lle axudara cunha escenografía ou con outra tarefa. “Iso de pagarche por facer o teu traballo está indo para atrás” segundo Lorena Conde.

Os prezos das entradas son outra batalla dentro do teatro en Galicia. Se xa se dixo antes que as axudas ou subvencións afixeron ás persoas a pagar como moito tres euros e noitros casos entradas de balde, ir agora con prezos e ofertas semellantes non permiten vivir do teatro. Só aqueles profesionais da escena ou as compañías grandes poden encher teatros e poden vivir ata certo punto, da súa recadación.

A suba do IVE cultural foi unha acción moi contestada polo mundo da cultura. Pero de súpeto houbo unha baixada nese IVE pero nas entradas. O público paga o catro por cento, pero os servizos que ofrecen as compañías teatrais teñen un vinte e un por cento. “Aí temos unha perda polo medio, porque se o público paga menos, as compañías temos que pagar o caché e todo o demais ao 21%” din as dúas compoñentes de Matrioshka. Outro dato é que os teatros privados en Galicia son escasos. Existe un circuito de salas, moitas subvencionadas para programar. E a subvención que acadan ditas salas é de 700€ por cada espectáculo programado na rede de salas. Pero a cousa é que en moitas destas salas, aínda coa axuda, non se pode chegar a cubrir os gastos da representación. Porque o prezo das entradas para as privadas é de cinco euros entrada e públicas é de tres euros. As contas non dan.

CONCLUSIÓNS

O teatro independente en Galicia está nestes momentos recuperándose dunha crise que lle quitou boa parte da súa forza. Ademais diso, chegou un momento no que a perda de profesionalización dentro da produción escénica traduciuse en precariedade laboral. Os circuitos públicos están intentando recuperarse, pero aínda se está na fase negociación coas autoridades culturais galegas.

A necesidade imperiosa de que tanto propietarios e propietarias de salas, autoridades e tamén o público, entendan que a escena, o teatro é unha profesión. É un investimento como o dunha empresa de servizos, por tanto a necesidade de cobrar é algo que non se debera obviar. Tamén está o cumprimento de convenios tanto no que afecta a tarifas como ao cumprimento  por parte dos circuitos de teatro. Isto afectaría aos concellos da Rede no sentido de que son ou deberían ser sabedores dos mínimos que AGADIC, pide e que así cumpran cos pagos ás compañías.

Houbo unha época no que o crowfunding ou mecenado axudou a botar adiante proxectos, sobre todo para as compañías con certo nome. De paso, algunhas montaxes temáticas puideron ser de interese para algunha empresa que así podía aportar un orzamento para a produción.

Temas: TEATRO AGADIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta