A procura da moza á que arrastrou un golpe de mar na Coruña retomarase este domingo

Este sábado houbo tres falsas alarmas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2018 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

A procura da moza ourensá de 22 anos á que arrastrou un golpe de mar na madrugada do venres santo na Coruña retomarase este domingo, logo dunha segunda xornada de rastrexo sen éxito.

Procura da moza á que arrastrou o mar na Coruña
Procura da moza á que arrastrou o mar na Coruña | Fonte: Europa Press

Este sábado houbo tres falsas alarmas, segundo indican fontes municipais, que explican que os efectivos a bordo das embarcacións realizaron avistamentos do que despois resultaron ser algas.

Despois da incursión de mergulladores no mediodía deste sábado en zonas rochosas de Riazor, coincidindo coa baixamar, pola tarde continuaron os labores por mar (pero sen inmersións), aire e terra, aproveitando a luz do día.

As malas condicións do mar dificultaron as tarefas de procura sobre todo o primeiro día, o do venres, pero tamén afectaron este sábado, xa que proseguiu o mar de fondo e a visibilidade foi mala.

A intención este domingo é volver realizar unha inmersión, tamén sobre o mediodía. A procura volverá realizarse por terra, mar e, en principio, tamén por aire.

A familia da moza seguiu de preto os traballos, o Concello da Coruña está en permanente contacto con ela e recibiu asistencia psicolóxica.

A moza de 22 anos desprazouse á Coruña de visita durante a noite do xoves e na madrugada do venres, pouco antes das 6,00 horas, ía cun grupo de amigos, xunto aos que se achegou á coraza para ver as ondas. Estaba declarada unha alerta de nivel laranxa por fenómenos costeiros en todo o litoral galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta