O Estado segue marxinando a Galicia; recibe menos fondos que hai 14 anos

O investimento no país segue sendo máis baixo que en 2004, mentres que o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) baixa máis dun 4% e sitúa a Galicia como segunda comunidade con menor incremento.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Estado segue marxinando a Galicia no envío de fondos. E tal é o retroceso que os fondos que chegarán ao país volven a rexistros de hai 14 anos. Así, o investimento do Estado en Galicia non chega aos 1.000 millóns de euros de 2004 por segundo ano consecutivo. E aínda que soben con respecto ao pasado ano, quedan en 936,79 millóns de euros, doce millóns máis que orzados en 2017, pero 64 menos que hai 14 anos

Mariano Rajoy e Cristobal Montoro
Mariano Rajoy e Cristobal Montoro

Son os datos do proxecto presentado este martes polo ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro. De feito, se a comparativa se fai cos 1.363,9 millóns orzados en 2016 para Galicia, o retroceso é de case un terzo, pois en 2018 hai un 31,1% menos.

Deste xeito, Galicia mantense no quinto posto entre comunidades en canto a dotación orzamentaria nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2018, do mesmo xeito que en 2017, aínda que en 2016 ocupaba o terceiro posto. En concreto, recibe o 9,2% do total.

Como no último orzamento aprobado, Andalucía é a autonomía que máis recibe (1.477,75 millóns e o 14,6% do total), seguida por Cataluña, co 13,3 por cento do total, e 1.349,59 millóns de euros. Por detrás de ambas as dúas sitúanse Madrid, que recibe o 12,3 por cento do total (1.247,31 millóns de euros) e Castela e León, co 9,9 por cento e 1.002,14 millóns.

MENOS DIÑEIRO DO FONDO INTERTERRITORIAL

Ademais, Galicia recibirá 42,5 millóns do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) en 2018, un 4,1% menos que en 2017, segundo consta no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para este ano rexistrados este martes polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no Congreso.

A achega deste fondo cae en cinco comunidades autónomas. Galicia rexistra o segundo maior descenso (-4,1 por cento), que encabeza Comunidade Valenciana (-4,7 por cento). Tamén baixa en Castela e León (-3%), Cantabria (-2,7 por cento) e Rexión de Murcia (-1,0 por cento).

Pola súa banda, o maior aumento rexístrase en Canarias (7,3 por cento), seguida de Castela-A Mancha (2,7 por cento), Asturias (2,6 por cento), Andalucía (0,4 por cento) e Estremadura (0,2 por cento), mentres que en Ceuta e Melilla mantéñense invariables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta