Aceleración da represión en Catalunya

A persecución do nacionalismo xa se producira en Euskadi, mais de forma lenta e nun contexto de violencia armada.

Por Horacio Vixande | Vigo | 04/04/2018

Comparte esta noticia

O proceso de criminalización da disidencia dentro da Causa Xeral contra Catalunya non representa unha novidade xa que no País Vasco puxéronse en práctica os mesmos mecanismos contra a chamada contorna política da ETA. A anovación é a aceleración do proceso até convertelo en case instantáneo.

Non é a miña intención asimilar os procesos políticos vasco e catalán, por canto no primeiro si se produciu nun contexto de violencia armada e de guerra declarada. En Catalunya, a violencia sitúase unicamente na cabeza dos distintos aparatos do Estado no sentido máis amplo, incluíndo elementos tan diversos como a prensa ou determinados sectores empresariais. O único que digo é que o proceso de criminalización xa se ensaiara antes e, a pesar do contexto violento de Euskadi, coñecera elementos de inmensa inxustiza, tales como peches de xornais (como Egunkaria) ou ilegalización de forzas políticas (como Herri Batasuna).

A diferenza é que a criminalización da contorna política da ETA precisou dun proceso de elaboración prolongado ao longo de máis de 25 anos. Durante todo ese tempo utilizáronse como elementos a manipulación da linguaxe, a falsificación da realidade e a construción dun corpo xurídico que permitiu a aniquilación de toda organización, entidade ou persoa que en aparencia puidese compartir os mesmos obxectivos que a ETA, sen necesidade de participar nas súas formas.

Desde o 3 de outubro, cando o xefe do Estado érguese como caudillo do aparato do réxime do 78 a través dun discurso televisado, estamos a ver o mesmo proceso. As distintas falanxes do Estado participan de forma case sinfónica nun concerto represor no que o último –non derradeiro– movemento é a persecución dos Comités de Defensa da República, no que a clave da interpretación vén dada polo concepto da rebelión xeneralizada e o tempo é allegro prestissimo con fuoco: menos de seis meses. Temo que proximamente veremos ilegalizacións de organizacións e partidos e peche de medios de comunicación. Todo iso se antes da xustiza alemá non lle para os pes ao Estado español, mais esa é outra canción.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.