Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/04/2018 | Actualizada ás 09:00
A revista científica Anales de Biología vén de publicar a primeira cita do mosquito Aedes vittatus en Galicia. O extraordinario achado fíxose grazas ao proxecto Mosquito Alert, que facilitou a identificación do insecto. Até agora sabíase da súa existencia en varias zonas de España, pero nunca se documentara ningún achado en terras galegas.
O achado produciuse o 12 de setembro de 2017 no concello pontevedrés de Arbo, na parroquia de Cequeliños. Fíxoo unha persoa voluntaria que participa neste proxecto, pensando que atopara un mosquito tigre. Porén, resultou ser o primeiro exemplar de Aedes vittatus identificado en Galicia. Así o confirmaron os entomólogos logo de recibir a alerta mediante a aplicación do proxecto Mosquito Alert.
Ao examinar a fotografía, os expertos xa tiñan fundadas sospeitas de que non se trataba dun mosquito tigre e decidiron iniciar as pesquisas. Aínda que a aplicación móbil garante o anonimato dos usuarios que colaboran voluntariamente co proxecto Mosquito Alert, si permite aos seus coordinadores enviar alertas ou notificacións aos usuarios. E iso foi o que fixeron. Sabían que a fotografía do mosquito fora enviada desde Galicia, pero pouco máis, polo que enviaron unha mensaxe ao autor, que non tardou en responder.
Os responsables do proxecto pedíronlle que capturase un segundo exemplar daquel mosquito e que llo enviase por correo, en condicións de conservación que permitisen o seu estudo, seguindo unha serie de instrucións. Os coñecementos de bioloxía do colaborador foron claves.
Unha vez recibido o novo exemplar —unha femia capturada o 23 de setembro dentro da vivenda desta persoa—, e tras ser analizado no laboratorio, confirmouse que non se trataba dun mosquito tigre, senón doutra especie que nunca antes fora atopada en Galicia: o Aedes vittatus, un tipo de insecto especialmente activo cando se pon o sol e que chupa o sangue de calquera mamífero, e cuxos hábitats larvarios son buracos en rochas fluviais.
De feito, agora sábese que na zona onde foron atopados estes exemplares, e segundo observacións da persoa que deu con eles, (M.R-B.), o Aedes vittatus é abundante e áchase de forma habitual en dúas localizacións distantes uns 300 metros, ambas á súa vez, distantes uns 250 metros do río Miño.
O exemplar atopado en Galicia foi depositado na colección entomolóxica do Servizo de Control de Mosquitos do Consello Comarcal do Baix Llobregat, en Cataluña. Desde o mapa de observacións pódese consultar a foto orixinal do mosquito atopado en Galicia.
A distribución desta especie é paleártica, relativamente frecuente no continente africano e menos común no oeste de Europa. En España citouse nas provincias de Alacante, Barcelona, Cáceres, Castelló da Plana, Cidade Real, Córdoba, Xirona, Xaén, Salamanca, Segovia e Illas Baleares. Agora hai que engadir Pontevedra.
PROXECTO MOSQUITO ALERT
Mosquito Alert é un proxecto de ciencia cidadá cooperativo e sen ánimo de lucro, coordinado por diferentes centros de investigación públicos: CREAF, CEAB-CSIC e ICREO. O obxectivo orixinal co que naceu este proxecto é loitar contra a expansión do mosquito tigre e o da febre amarela, dúas especies de insectos invasores que poden transmitir enfermidades globais como o zika, o dengue e a chikungunya.
Coa aplicación de Mosquito Alert calquera persoa pode notificar un posible achado de mosquito tigre ou de mosquito da febre amarela e dos seus lugares de cría na vía pública, enviando unha fotografía que recolle a posición GPS xunto con outra información detallada. Despois, un equipo de entomólogos expertos valida as imaxes recibidas. O resultado da validación envíase directamente ao participante e publícase nun mapa de observacións. Nel pódense consultar e exportar todas as observacións desde o ano 2014 ata a actualidade. Esta información complementa o traballo científico e permite que xestores de saúde pública utilicen esta información para seguir e controlar a expansión destes mosquitos en barrios e cidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.