Caballero fala de "labazada" do PP a Galicia cunhas contas que "atrasan" o AVE até o 2025

Asegura que os Presupuestos Generales del Estado demostran que "Feijóo non ten forza nin interese para defender os intereses" dos galegos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2018 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou a "labazada" que o Goberno de Mariano Rajoy dá a Galicia co seu proxecto de Presupuestos Generales del Estado (PGE) que, segundo advertiu, "atrasan" a finalización do AVE até o 2025. "A Galicia vaille mal cos gobernos do PP", afirmou o líder dos socialistas galegos antes de censurar que mentres que a suba das contas xerais do Estado é do 17%, para Galicia só se prevé un incremento do 1,2%, até os 936 millóns.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Fronte a iso, e despois de mostrar distintos gráficos cos datos de orzamento e execución nos últimos anos, o profesor de Economía na Universidade de Vigo (UVigo) destacou que "aos galegos lles ía moito mellor cos socialistas que co PP". "Nos peores anos da crise, os gobernos do PSOE orzaban para Galicia moito máis que o Goberno do PP cando estamos en fase de recuperación", manifestou.

O "retroceso significativo" dos fondos que o PP destina a Galicia é "máis grave aínda" se, como sinalou, se ten en conta que, do que orza, o PP executa unha parte moi ridícula". "O Goberno de Rajoy deixou sen executar no últimos catro anos 2.000 millóns de euros", criticou.

'NON' ÁS CONTAS

Despois de analizar os datos, Gonzalo Caballero asegurou que o PSdeG ten claro que, en defensa dos intereses de Galicia, o Partido Socialista debe "votar cun non" estas contas que se "esquecen de Galicia".

E é que, entre outras cuestións, o líder dos socialistas galegos advertiu de que, de acordo co "anexo de investimentos reais" destas contas, os propios orzamentos expoñen que "o proxecto de entrada da alta velocidade a Galicia terá finalización no 2025".

Todo iso, para o socialista, mostra a "falta de prioridade" que o PP lle dá á Galicia, cun presidente galego que "non serve para que Galicia teña un impulso que lle permita abandonar a marxinación en infraestruturas".

"A verdade é que, con certo desgusto e perplexidade, vemos unhas contas que se esquecen de Galicia e que mostran que Feijóo non ten forza nin interese para defender os intereses da galegos fronte o pacto de Ciudadanos con Rajoy, que non teñen nin sensibilidade co país e que, ademais, marxina a Galicia".

PENSIÓNS

Así mesmo, preguntado pola suba que o documento prevé para as pensións, Gonzalo Caballero asegurou que o PSOE é partidario de "regular por lei" que "os Gobernos do Estado incrementen as pensións conforme ao IPC".

Por todo iso, subliñou que "os PGE teñen unha falta de contido social preocupante". "Nin tan sequera o incremento das partidas de gasto é análogo á produción que está a ter o PIB na economía española", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta