Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2018 | Actualizada ás 19:29
As catro empresas do proxecto de valorización implantado no espazo da antiga mina de cobre de Touro-O Pino afirman que "as augas de choiva" que chegan ao depósito de decantación de Bama "cumpren os parámetros exixibles pola normativa e non afectan o medio natural". Aseguran que o mesmo ocorre co caudal do río Brandelos, para o que se basean nas análises realizadas "por un laboratorio apoiado pola entidade nacional de acreditación", segundo explican nun comunicado remitido polo seu gabinete de comunicación.
O centro de valorización ambiental de Touro-O Pino, como se denomina este proxecto, está conformado polas empresas Explotaciones Gallegas (Exga), de produción de áridos e restauración de terreos; Tratamentos Ecológicos del Noroeste (Ten), centrada na compostaxe e que fabrica os tecnosoles; Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma), especializada en reciclaxe de plásticos, e o Centro de Valorización Ambiental do Norte (Cvan), dedicado á investigación, desenvolvemento e innovación en materia ambiental.
Explotaciones Gallegas é a dona dos terreos da antiga mina e está asociada a Atalaya Mining, que promove a recuperación da extracción de cobre nesta zona. Recentemente, Exga foi expedientada pola Xunta por desbordamentos da balsa situada na parroquia de Bama.
"DECLARACIÓNS NON FUNDAMENTADAS"
A nota destas compañías, que se presentan como "enfocadas á economía verde", engade que "estudos doutras entidades coinciden no diagnóstico". O conxunto conta con 75 profesionais e sostén outros 220 empregos indirectos, de acordo coas súas cifras.
"Algunha declaración non fundamentada puxera en cuestión as augas, das que chegaron a dicir que procedían dunha balsa de residuos mineiros, cando se trata de simple auga de choiva que se canaliza para a súa decantación nun depósito de pluviais", aseveran as empresas.
Con "ánimo de transparencia", segundo explican, encomendaron un "control científico adicional aos habituais", que se realizou "baixo os criterios que establece a Entidade Nacional de Acreditación".
"As augas que a choiva deixa na curta de Bama e na súa contorna, dentro do espazo do centro de valorización, pasan por un depósito co fin de favorecer a decantación e realizar un mellor control das mesmas, após ser tratadas nun humidal que actúa como depuradora natural onde se eleva a súa pH", expoñen.
Ademais, engaden que no citado depósito instalouse unha barreira de xeotextil para reter a escuma "inocua" que se forma na auga "cando flúe por zonas de forte pendente". Trátase, segundo agrega, de "materia orgánica procedente da degradación das follas caídas, sen ningún efecto prexudicial".
POLÉMICO AVAL DE MACÍAS
A superficie do depósito rolda os 1.200 metros cadrados segundo os seus datos e este proceso "ten o aval do catedrático da Universidade de Santiago Felipe Macías", un home que suscitou gran polémica polo seu posicionamento a prol da reapertura da mina de cobre e con intereses nos negocios mineiros.
Contratado antes por Edgewater, Macías liderara o proxecto experimental desenvolvido por Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. (TEN) para a tamén polémica e frustrada mina de Corcoesto como un espazo para o estudo e demostración académica dos procesos de restauración de augas e solos, pero non se chegou a contemplar unha restauración integral da contorna polo seu elevado custo.
Macías é unha das figuras máis polémicas vinculadas a estes proxectos mineiros, xa que se lle ten acusado de ter intereses propios nestes, tanto pola súa parte como pola do seu fillo, Felipe Macías García, quen foi precisamente técnico de laboratorio e I+D+I na empresa Tratamientos Ecológicos do Noroeste S.L. e director técnico do Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L.
MOSTRAXES EN FEBREIRO E MARZO
Mostraxes realizadas os días 16 e 19 de febreiro e 11, 12 e 13 de marzo "indican que o contido do depósito de decantación de auga pluvial cumpre todos os requisitos establecidos" no regulamento de dominio público hidráulico, segundo as firmas.
"Tanto é así que as concentracións de cobre, cromo e chumbo son dez veces inferiores ao límite legal, mentres que no caso do aluminio e do zinc é mesmo cincuenta veces menor", apostilan.
Tamén o caudal do Brandelos foi obxecto do mesmo seguimento especial, segundo apuntan, "aplicándolle os valores do regulamento de dominio público hidráulico, a normativa de calidade de augas continentais superficiais e mesmo a regulamentación europea máis recente (RD871/2015), cuxos obxectivos de calidade preténdense obter a finais de 2021".
O resultado, aseguran, é que "non existe afección ao medio". "Verificouse tamén que a evolución resulta tan favorable que actualmente xa se alcanzaron os parámetros que o río tería que cumprir dentro de tres anos", din. "En suma, que non só non hai deterioración do medio, senón que se adianta a recuperación", segundo conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.