Guerra de prezos entre autoescolas... Onde sae máis barato conducir e por que

Os prezos baixos en matrículas e prácticas pasan factura nos salarios dos profesores ademais da calidade do ensino. A Comisión Galega da Competencia xa abriu expediente por competencia desleal en Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 04/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os prezos das autoescolas en cidades como Santiago de Compostela son dos máis asequibles dentro da provincia e mesmo en Galicia. Se en Compostela pode haber práticas de entre 12 e 15 euros, en Vigo non é estraño que non baixen dos 24€, por exemplo. A explicación podería estar na poboación universitaria que busca ter o carné de conducir tipo B de maneira rápida e barata. Por iso, aproveitando os prezos baixos,  a maioría de estudantes escollen Compostela como o lugar para sacar a licenza de conducir.

Examinador de autoescola
Examinador de autoescola | Fonte: Agência Brasil

Xunto a prezos relativamente baixos, tamén está a oferta de cursos acelerados para acceder ao exáme teórico. Algunhas academias ofrecen mesmo cursos de dous días para superar ese paso, os cursos exprés. Noutros casos pódese acceder sen matrícula, anque pagando as taxas para exames. A idea é crear unha oferta diante dunha demanda que nace case por presión social.

TEÓRICOS EXPRESS

O anuncio que se vé na rúa é “Teórico en dous días”. Maximino Pérez Abuín, colaborador sobre tráfico e conducción en medios de conducción di que “o problema máis grave é que a formación na condución desapareceu”. Segundo Pérez Abuín o problema non estaría na baixada de prezos, senón nesa escasa formación previa ao exame teórico. “Non existe a formación de condutores, é unha formación para ter un permiso de conducir”. Cando se transformou a maneira de educar os novos condutores “moitas empresas viron mercado, desapareceron as clases teóricas porque Tráfico fixo unha batería con 2.000 ou 3.000 preguntas e a xente memoriza as imaxes coas palabras” e así é doado ter a parte teórica, segundo Pérez Abuín.

“É un método como eu chamo, ruso. Estás catro, cinco ou seis horas diante dun ordenador facendo tests ata que os aprendes e logo xa podes ir a exame”. Jorge César, quen nos di isto, ten unha autoescola onde “creo que son dos poucos que imparte clases teóricas de condución”. Sobre a cuestión dos tests e a súa memorización en cursos acelerados de teórica “iso acontece porque se lle puxo na man á sociedade”. A facilidade para pasar o teórico con rapidez “era algo que reclamaba a mesma sociedade para poder ter o permiso B, sobre todo, en moi pouco tempo”.

PREZOS BAIXOS E PREZOS ESTIMADOS

As cifras varían pero normalmente non pasan dos 17 ou 18 euros, no caso do carné tipo B. Nas autoescolas de Santiago pódense ver mesmo algunhas ofertas como unha matrícula de case 300€ que inclúe taxas, psicotécnico e as dez primeiras prácticas de coche. As práticas a maiores serían a 12.10€. Outra oferta é matrícula gratuita que suporía un curso teórico acelerado e as práticas a 15€. A mesma operación repítese noutra autoescola da mesma cidade.

A Coruña é outra cidade onde se poden ver ofertas moi parecidas. Nun caso concreto vemos que o prezo para permiso B é de 350€. Isto inclúe matrícula, taxas de tráfico, material didáctico, soporte informático, placa L, 1 exame teórico, 1 exame práctico e 10 prácticas. Logo a maiores, as prácticas sairían a 13€. Tamén existe a posibilidade de mercar bonos de 10 prácticas por 120€. Na mesma cidade, vemos que existe a posibilidade de facer a matrícula e exame teórico por 185€ (150€ matrícula + 35€ teórico). As clases de conducción serían a 14€ máis IVE. No ano 2015 un estudo de FACUA, a organización de consumidores, poñía a Coruña como unha das tres cidades máis baratas para ter o carné B.

Ocorre o mesmo noutras cidades? “Houbo unha autoescola en Vigo que quixo ofertar prezos moi baixos, pero as protestas do sector fixeron que recuase” declara un profesor de autoescola en activo, que agora mesmo non exerce na provincia da Coruña e que prefire quedar no anonimato. O caso é que no ano 2007 a Comisión Galega da Competencia inspeccionara os prezos que se estaban dando en autoescolas viguesas. O resultado fora un expediente sancionador, o S 1/2007. Unha das conclusións era “Declarar responsables da realización dunha práctica concertada, prohibidapolo art. 1.1.a) da LDC, consistente na fixación de prezos para a obtención do permiso de conducir tipo B, aos titulares das autoescolas que se citan deseguido, e impoñerlles as sancións que se indican” páxina 51 do expediente. Mais a día de hoxe  é posible atopar prezos inferiores a 100€ matrícula B máis curso intensivo en Vigo.

No ano 2013 a Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense pedira ao economista e profesor da Universidad de Granada, Juan de Dios Jiménez Aguilera un cálculo de rendibilidade sobre clases prácticas de coche. Púxose como marxe de beneficio por cada práctica un 13,20%. Sobre esa marxe o economista granadino calculou que o prezo neto por práctica sería 22,06€ máis 2,10€ en combustible, total a práctica para dar beneficio tería que ser de 24,16€.

Para ter beneficios cunha autoescola, no permiso B os prezos debería estar hoxe en día superando os 25€. “Eu tiña prezos que rondaban as tarifas recomendadas, pero ao final a xente vai ao máis barato, é lóxico” di Jorge “a xente máis nova quere sacar o carné canto antes e se lle pós por diante prezos de 12€ van aí”.

CONSECUENCIAS

José Manuel López Marín, presidente da Federación Galega de Autoescolas, sobre este tema de baixos prezos resalta “agora o que se fai é realizar ofertas, cando o máis importante é a educación vial,  pero todo está baseado agora en sistemas low cost ou mediante o sistema online que consiste só en aprender conceptos”. Ata aquí está en concordancia coa idea xeral de perda na calidade do ensino teórico e nuns prezos moi baixos. Preguntado o señor López Marín sobre se a Federación vai facer algo ao respecto, “enviaremos un comunicado a todas as autoescolas para que cumpran coa lexislación vixente”.

O convenio laboral para as autoescolas establece que o horario total por semana son 35 horas, 7 horas por día, aproximadamente seis prácticas por día. “Pero é que eu teño compañeiros que están a xornadas con dez ou máis práticas e que o día que non traballan ou a práctica que non fan, non cobran” di Jorge César. El mesmo fala da súa experiencia laboral como “autónomo dependiente”, figura creada na reforma laboral da última lexislatura de Rodríguez Zapatero. “Esa figura foi creada sobre todo pensando nos transportistas” sinala Maximino Pérez Abuín. Pero baixo ese epígrafe comezouse a contratar persoal que non tiña dereito a vacacións pagas, debía realizar unha serie de horarios extensos e ao final o salario, moitas veces, era moi inferior aos mil euros.

“Cando fun facer a declaración da renda no seu día, contei que eu era autónomo, autónomo dependiente. Na delegación de Hacienda dixéronme que eu non era tal. Expliquei a miña situación e o que me dixeron foi que eu era un falso autónomo de libro” conta Jorge. Logo dunha serie de tirapuxas, acabou denunciando diante de Inspección de Traballo. O resultado foi que o tribunal fallou a favor de Jorge, “pero sei que non vou cobrar o diñeiro que di a sentenza, en tal caso pasaría ao FOGASA”. Desde a inspección que saíu adiante logo da denuncia de Jorge, a partir de 2015 moitas das autoescolas de Santiago comezaron a eliminar a figura de “autónomo dependiente” para pasar ao réxime xeral da Seguridade Social.  Pola súa banda, Maximino Pérez apunta que “Galicia é dos lugares de España onde menos falsos autónomos hai en autoescolas. Na maioría dos casos son por conta allea no réxime xeral. Logo existen pequenas empresas que teñan un ou dous traballadores, polo camiño pode haber algunha cun falso autónomo”.

O falso autónomo era o traballador ou traballadora contratado como autónomo dependente, que prestaba boa parte do seu horario laboral á autoescola. Pero había unha cuestión, o autónomo dispón do seu horario e tamén, cousa importante, da súa ferramenta de traballo, o coche. É dicir, tería que ser o profesor quen aportase o vehículo á autoescola e non ao revés, que era o habitual.

Desde a CIG Ensino, un dos responsables, Rubén Fernández, apunta que “o convenio colectivo marca 928€+3 pagas extras+vacacións pagas, isto é normal que non se cumpra”. Por que? “O que temos é unha competencia tan alta nas cidades, nomeadamente en Santiago, que isto obrigou ás empresas mesmo a non cobrar matrículas” apunta Fernández. O non cobrar matrículas supón que deixa de haber ingresos, sobre un 30%. De onde se saca diñeiro para a empresa? “En pagarlle menos aos traballadores” e isto tamén ten outra lectura “que o número de prácticas está entre as 12 ou 14 ao día”. En tempo son dez horas ao día de media pero como di Rubén Fernández “temos detectado que esas horas de máis, que serían extras, non as están pagando”.

Logo da inspección laboral de 2015, moitas autoescolas deixaron de ter falsos autónomos. A estratexia foi cambiar ao réxime de cooperativas. “Isto obrigou aos traballadores ser socios da cooperativa, ben como socio colaborador ou como socio traballador” aclara Rubén Fernández, que tamén lembra “ os socios traballadores non reciben salario senón excedentes”. Cobrarían o que haxa e non o establecido polo convenio. Pero no caso dunha das empresas, Direct, que pechou entrando en concurso voluntario de acreedores, a Seguridade Social deu de alta no réxime xeral aos que traballaban como autónomos dependentes desde o día que comezaran a traballar, aplicando a sentenza de forma retroactiva.

DEMANDA SOCIAL FRENTE A DEMANDA LABORAL

A présa por sacar o carné de conducir trouxo canda si a redución de horas teóricas e unha rebaixa nos prezos en cidades como Santiago e Coruña. O motivo é unha alta competencia dentro do sector que obriga a facer ofertas para atraer clientes. No caso de Santiago é a cantidade de estudantes e xente nova a que fai sacar uns prezos baixos nas prácticas. Isto tradúcese na inmediatez do carné de conducir en detrimento da calidade do ensino.

Por outra banda, fontes do Instituto Galego de Consumo e Competencia (IGCC) consideran “esta práctica como competencia desleal” pero diante da escasa información e os poucos medios do IGCC, non poden facer moito. As consecuencias tamén poderían ser problemas coa administración tributaria.  Como apunta Luis Varela, da Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense, “o que pasa en Santiago e Coruña non é normal, porque como se pode manter unha empresa e asalariados con prácticas a 12€, cando hai custes a maiores como son o combustible, o seguro, o mantemento e salarios?”.  O resultado final é que baixan os prezos e os beneficios ou diñeiro que quede para a empresa, extráese dos salarios, segundo apuntan a maioría de fontes consultadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta