Por E.P. | VIGO | 05/04/2018 | Actualizada ás 13:15
Axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Guardia Civil investigan por un delito contra o patrimonio histórico a un veciño do Rosal (Pontevedra) que supostamente foi o responsable da "destrución" do xacemento arqueolóxico da Mina das Medas, no mesmo municipio, para extraer terra para as obras dunha estrada.
O Instituto Armado indicou que a investigación se puxo en marcha ao ter coñecemento dun movemento de terras nunha antiga mina aurífera. Así, unha patrulla do Seprona comprobou que se estaban a realizar traballos de escavación nesta zona para retirar terra e utilizala de recheo nas obras da estrada PO-353.
Os efectivos ratificaron que o xacemento afectado está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia, e pescudaron, ademais, que a escavación carecía da preceptiva licenza de obra para movemento de terras.
Por todo iso, notificouse ao responsable a súa condición de investigado por un delito contra o patrimonio histórico, e as dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Tui en funcións de garda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.