Feijóo desdícese agora do que dixo en outubro: “Recoñezo que non hai terrorismo incendiario”

Di que está de acordo coas conclusións do Ministerio Fiscal que, pola contra, considera “vulgar, ordinario e común” que el e outros dirixentes da Xunta falasen de "terrorismo incendiario". “Foi o fiscal quen abriu as investigacións” ao considerar que podería haber unha trama, xustifícase agora o presidente galego.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/04/2018 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

“Cando políticos se refiren a iso –terrorismo incendiario-- estanse referindo desde un punto de vista vulgar, ordinario ou común, porque, desde o punto de vista xurídico, obviamente, isto non é terrorismo". Foi unha das contundentes conclusións do estudo do Ministerio Fiscal sobre os lumes do pasado outubro e a utilización da expresión "terrorismo incendiario" que fixo o propio Feijóo e outros dirixentes da Xunta .

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Con todo, tanto Feijóo, coma Alfonso Rueda, evitaron agora referirse aos incendiarios como "terroristas incendiario", a pesar das numerosas probas que existen sobre a utilización deste termo. De feito, horas despois da dramática vaga de incendios do día 15 de outubro de 2018, o presidente galego Alberto Núñez Feijóo acusaba da situación ao “terrorismo incendiario” e apuntaba, sen decilo claramente, a unha trama organizada. O propio Mariano Rajoy uníase a esa hipótese dunha cadea de lumes “provocados” uns días despois. E, con eles, conselleiros como a de Medio Rural , Ángeles Vázquez, e o de Presidencia mantiñan o mesmo.

AS VECES QUE FEIJÓO DIXO QUE HABÍA TERRORISMO INCENDIARIO

"Galicia non arde, a Galicia quéimana; e isto non é unha opinión persoal, senón unha conclusión dos investigadores: tres de cada catro lumes non son por causas naturais, e a maioría son intencionados", dicía Feijóo durante a súa comparecencia na Cámara en novembro do ano pasado. 

“Os que atentan indiscriminadamente contra todo e contra todos pon en risco vidas humanas e acaban con elas non son individuos que prenderon lume a unhas árbores, senón que os seus actos son propios de terroristas. E o que fan non ten outro nome que terrorismo incendiario. E hai que acabar cos incendiarios e co terrorismo incendiario", proclamaba. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Uns días antes, nun Consello da Xunta, era contundente: “Este tipo de delitos son equiparables ao terrorismo e, como tal, deben ser tipificados no Código Penal”, indicaba. E este mesmo argumento era repetido por Feijóo en febreiro deste ano, tamén nun Consello da Xuntra e a preguntas deste medio. “O que dixen e reitero é que hai actos de incendiarios que son asimilables a actos terroristas. Iso dígoo e reitéroo, alá quen prefira minimizar os actos de incendiarios e reducilos a brincadeiras, descoidos ou tolemias", suliñou. "Digo que hai actos incendiarios que, na nosa opinión, son asimilables a actos terroristas porque pon en perigo a vida e os bens dos galegos", suliñaba.

COINCIDENCIAS CO FISCAL

Máis alto e máis claro non o puido dicir. E non só unha vez, senón que esa expresión repetiuna el e outros membros do seu goberno ata a saciedade en entrevistas e declaracións. Este xoves, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, Feijóo afirmou que "concorda" co fiscal en todas as súas reflexións, tamén no que respecta ao "terrorismo incendiario". Non en balde, incidiu en que el "coñece" o Código Penal e, en consecuencia, é consciente de que non contempla este sentido. "Coñezo o Código Penal e recoñezo que non hai terrorismo incendiario", dixo.

É por iso, engadiu, que el defendeu e mantén que se debería "modificar" este aspecto para trasladar aos autores de incendios intencionados que este tipo de actuacións terán "unha consideración máxima no Código Penal" para equiparalos cos terroristas.

Ademais, amosou a súa total coincidencia" co fiscal e levouna tamén ao plano da "altísima intencionalidade" dos lumes, que a Xunta cifra "nun 87 por cento". Finalmente, o presidente galego proclamou que "a Xunta nunca falou de tramas". "Outros gobernos, si", contrapuxo, en referencia ao Goberno bipartito despois da vaga de incendios do ano 2006.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta