Temas: VIGO AUGA

A Xunta multa con 21.500 euros a Vigo por non controlar a súa auga

Defende que o canon incluído no recibo serve para mellorar infraestruturas hidráulicas, saneamento, abastecemento e xestión de ríos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/04/2018 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ratificou a sanción ao Concello de Vigo, por "incumprimentos reiterados" no control da calidade da auga, en virtude dun expediente aberto por catro infraccións administrativas (tres graves e unha leve), e que ascende a algo máis de 21.500 euros.

Auga. Billa.
Auga. Billa.

Así o confirmou este xoves en rolda de prensa o delegado do Goberno galego en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen avanzou que a administración autonómica desestimou as alegacións presentadas polo Concello. Segundo subliñou, unha vez analizada a documentación e vistas esas alegacións, "quedan probadas" as deficiencias nos controis realizados polo laboratorio municipal nas billas do consumidor; así mesmo, houbo incumprimentos, incidiu, na calidade da auga que non foron confirmados con segundas análises, nin comunicados á autoridade sanitaria.

A Xunta lembrou que, nas análises realizadas en billa polo laboratorio municipal de Vigo en 2016 e 2017, detectáronse até 24 resultados de auga 'non apta', e outros 31 con resultado de 'apta con non conformidade'. Con respecto ao ano 2015, apuntou que "non se realizaron a totalidade das análises" requiridas.

Os técnicos sanitarios da administración autonómica constataron que ningún deses incumprimentos na calidade da auga foi comunicado polo Concello. Do mesmo xeito, tampouco se puxo a disposición esa información no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac).

O delegado da Xunta cualificou como "de extrema gravidade" que o Concello non trasladase eses datos nin á autoridade sanitaria nin aos consumidores, e que, ademais, non adoptase medidas correctoras, a pesar das recomendacións dos técnicos de laboratorio municipal "que lle pediron que declarase a auga non apta para consumo".

DEPURADORA

Por outra banda, Ignacio López-Chaves referiuse tamén á inauguración da nova estación depuradora (EDAR), na que o Concello olívico "apenas tivo participación directa" no que respecto do seu financiamento, achegada desde a Xunta e desde o Goberno de España (con fondos europeos).

Con respecto ás críticas do alcalde de Vigo, que alega que a achega da Xunta será inferior aos ingresos que reciba dos vigueses polo canon da auga, o delegado territorial lembrou que esta taxa se aplica desde 2012 en virtude da Directiva Europea Marco da auga, e que as tarifas son as mesmas para toda Galicia e dependen da auga que se consome.

Segundo precisou, o canon financia "única e exclusivamente" actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras, e xestión dos ríos. Concretamente, e entre outros aspectos, finánciase a xestión do dominio público hidráulico no río Lagares ou o río Oitavén, na presa de Eiras, ademais de servir para facer investimentos "en infraestruturas". "É dicir, que o balance de ingresos e gastos sae a favor de Vigo, aínda que é a cidade máis poboada de Galicia", engadiu.

Na mesma liña, lembrou que, ademais da achega á depuradora, a Xunta fixo outros investimentos por valor de máis de 7 millóns, en actuacións como a condución que conecta o sistema de abastecemento de Vigo coa península do Morrazo, ou o Plan Específico para a xestión de inundacións na ARPSI Lagares, "a piques de iniciarse". A iso súmanse outros proxectos futuros, apostilou, como a mellora do saneamento e depuración na parroquia viguesa de Teis, e en municipios da contorna (Vilaboa ou Soutomaior).

Temas: VIGO AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta