Temas: MúSICA PREZOS

Hai vida na música en galego?

A vida dos grupos e solistas galegos en galego non é fácil. Hai unhas condicións xerais que, aínda mellores que hai dous ou tres anos atrás, non permitirían vivir exclusivamente da música. Existen algunhas excepcións, pero só poderían vivir da súa paixón por períodos curtos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A idea de vivir da música en galego é para moitos e moitas artistas, unha cousa que cadra lonxe. Non é que non haxa lugares, salas, festivais e plataformas onde poder expresar a creatividade. A crise pasou factura e segue. Pero a díxa de hoxe hai unha mellora, pequena, modesta, se comparamos a situación con dous ou tres anos atrás.

Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.
Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.

O talento musical que agochaba o país estourou logo dos anos do franquismo, pero sobre todo durante os tempos da “Xeración Xabarín”, cando de súpeto, como se fose por maxia, apareceron grupos e solistas cunha nova maneira de entender a música na nosa lingua. Había que superar o folck, ou polo menos readaptalo, facer cousas diferentes e darlle saída ás expresións máis novidosas. O mellor, era  posible. O malo, que co tempo non se consolidou unha industria musical tal cal pasou co catalán ou éuscaro.

COMO SE PODE SACAR ALGO DISTO?

“É difícil” di Manuel Caamaño, xerente ou manager dalgúns artistas do panorama actual en Galicia. El mesmo, membro do grupo “Familia Caamagno” entende que un grupo ou solista debería cobrar o que xera. “O prezo das entradas, por exemplo deberíase reflectir despois do concerto”, é dicir, un beneficio que lles permitise aos músicos polo menos facer un reparto entre cubrir os custes e que os compoñentes podan levar unha parte do recadado ou acordado.

“Hai dous ou tres anos para atrás, o que faciamos era que se alguén nos chamaba para ir tocar, logo negociabamos o que houbese que negociar e alá iamos” di Samuel Solleiro de Ataque Escampe. A cousa cambiou para esta formación cando deciden contar co apoio dun xerente, “que é quen nos leva as contratacións para festivais por exemplo”. Outra cousa serían os alugueres de salas cando un grupo chama e quere facer a presentación dun disco “aí adiantas un diñeiro polo aluguer do espazo”. Iso tamén incluiría uns gastos en persoal e técnicos para a sala.

Outra vía para quen queira ir vivindo polo menos sen agobios, é contar cun patrocinador. Pode cubrir parte dos gastos e, se cadra, tamén se poden tirar beneficios para os integrantes do grupo ou o solista. “Tamén depende da época do ano, porque hai espazos que en tempada baixa che fan ofertas” di Samuel.

Facerse traballador autónomo? Desde logo é unha opción que non quererían contemplar nin siquera aquelas formacións ou artistas aínda que teñan xa un certo nome ou fama. En primeiro lugar, porque para moitas e moitos suporía darse de alta no réxime especial de artistas, o réxime que máis alto cotiza. Seguidamente está a cuestión de que algúns festivais esixen facturas e funcionar como profesionais, cando en realidade son ou serían semiprofesionais na maioría dos casos.

CACHÉS, CANTO VALES?

“Home, o caché vai en función dus parámetros como pode ser o coñecemento que teña a xente de ti, da fama que chegaras a recoller, o tipo de público e a cantidade de público que podes mover” analiza Samuel Solleiro. “Nós cando imos a caché procuramos que sexa unha cantidade que supoña unha cantidade equivalente ao salario dun día para un músico” remarca o compoñente de Ataque Escampe.

Tamén o da fama do grupo pode ser relativo. Existen festivais que poñen na cabeceira do programa un ou dous grupos, que ás veces son de fóra, e logo enchen o resto do espazo e tempo con grupos que poden despertar máis ou menos interese, pero que sexan baratos. Tamén hai  músicos que prefiren tocar gratis nalgún evento especial unha vez ao ano, e non ser contratados por 200 ou 300€.

“Ti ten en conta que un técnico por menos de 150€ unha hora non vai. A iso súmalle o custe do desprazamento, aluguer de vehículos, persoal que ao mellor é necesario para loxística, máis súmalle as cotizacións e retencións” resume Manuel Caamaño quen logo calcula “que un prezo razoable para un concerto serían de 1000 a 2000€”. Isto tendo en conta que, como case todo nesta vida “hai que negociar á baixa”.

Para outros artistas como Leo Arremecaghona, o tema de cachés “sábelo cando chamas”. “Pode haber diferenzas co mesmo grupo, porque nunha actuación pode cobrar 1.000 e noutra 800€ mesma semana” di Leo. E se o grupo é bo no que fai e a súa evolución vai chegando a máis público, confírmase o da fama “dun ano para outro pode subir cunha diferenza considerable”. Segundo Leo os cachés máis recorrentes se xa tés un grupo con certa sona ou o mesmo se es solista “poderían andar entre os 1.000 e 1.200€”.

Preguntamos canto podería cobrar un solista e a resposta faise de rogar. Son cifras que andan entre os 150€ os primeiros bolos, mentres que co paso do tempo e proxecto vai tomando forza comézase a subir cachés por valores que andan entre os 500€ e os 1.000€. A partir de aí, se a cousa xa funciona e o resultado vai creando unha demanda que cumpre coas expectativas, hai artistas que xa poden subir tranquilamente dos 5.000€ e de aí para arriba.


PÓDESE VIVIR DISTO?

“A min si que me compensa, se che digo a verdade, os gastos que teño en desprazamentos e instrumentos, pois polo de agora non son moi grandes” apunta Leo Arremecaghona. Preguntado se se podería vivir da música “home, algunha vez vivín da música, tempadas que non saía traballo da miña profesión, vivín un pouco apretado pero si que vivín”.

O espectro é ese, que a música non é, para a maioría dos artistas o seu modo de vida. Non é o seu sustento a tempo completo. “Eu nunca o vin como unha maneira de vivir, para min tocar é unha paixón” di Alberte de A Uquestra do Medio. “A ver, o panorama é difícil  porque a día de hoxe hai unha oferta de músicos moi ampla, así que tes que buscar un nicho onde poder ofrecer o teu traballo”. Por tanto, a día de hoxe, coma case todo no mundo laboral, mesmo o voluntarismo musical ten que ter o seu nicho ou target.

Outra cousa é cando hai concertos en “circuitos” públicos. “Hai festivais montados por organismos públicos e outros que reciben axudas. Os primeiros poderián nalgúns casos pagar 3.000€ e no caso dos segundos o normal sería 1.000€ máis IVE” di Manuel Caamaño. Con todo, tal como di Nuno, cantante de Oh! Ayatollah, “o caso é que poidamos cubrir os gastos que crea o movemento ou desprazamento do grupo”. E o prezo para un grupo como o de Nuno? “Non sei, pero os grupos coma nós andamos entre os 300 e os 800€”

Realmente son escasos os e as artistas que podan permitirse vivir da música en galego. O caso é que a maioría viven a maiores doutros traballos, relacionados ou non coa música. A curiosidade está en que, a pesar de todo isto, prezos baixos ou cachés condicionados pola demanda, estamos diante dunha ampla oferta de grupos, cunha variedade ampla e que podemos ter a certeza que, aínda sen poderen vivir do que tocan, poderán seguir vivindo para tocar.

Temas: MúSICA PREZOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 roberto233

É moi difícil poder vivir só na música dunha lingua con tan pequeno público obxectivo. Algo que non entendo é por que non hai álbumes en diferentes idiomas do mesmo álbum, a versión en galego e outra en español ou en inglés. Os gastos de produción non serían tan xeniais e a posibilidade de vivir da música aumentaría moito, sen renunciar a promover a túa cultura. https://www.aplicacionesparadescarg...

1 Fran Sanz

Este texto é unha vergoña. Estase normalizando dende o propio sector que tocar por 300 € ou 1.000 € é algo decente. Cando un músico cobra un concerto non está cobrando un día de traballo, está cobrando centos de horas de traballo (ensaios, desprazamentos, oficina persoal, amortización de ferramentas, dietas, gastos varios, seguridade social, asesorias, impostos...). Así que quen pense que cobrar 150 € brutos é digno ten que replantearse moitas cousas. Ao final somos nós mesmos, os propios músicos, os que matamos a música ao aceptar e fomentar unhas condicións que son hoxe en día moito peores que nos anos oitenta. E por suposto que unha banda ten que xerar ganancia, público, ter presencia... pero ten que cubrir os mínimos socias e legais, como calquera, e mentres non asumamos iso, festivais, institucións e promotores seguirán a facer o que lles dea a gana e a ir cada vez máis aló na humillación e desprezo pola música.