Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/04/2018 | Actualizada ás 09:30
Os mozos en Galicia son máis instrumentais e expresan actitudes significativamente máis negativas cara á homosexualidade e o lesbianismo, mentres que as mozas son máis expresivas e manifestan actitudes máis positivas cara á homosexualidade tanto feminina como masculina. Esta é a principal conclusión dun estudo no que participaron 1.405 adolescentes de toda Galicia entre 13 e 19 anos.
O traballo, asinado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo e do Instituto de Educação da Universidade do Minho (Portugal), tivo como obxectivo analizar as actitudes dos adolescentes que residen en Galicia cara á homosexualidade e identificar a súa relación cos estereotipos de xénero.
Os resultados do estudo tamén poñen de relevo que "a instrumentalidade correlaciona positivamente coa homofobia e a expresividade correlaciona negativamente tanto coa homofobia como coa lesbofobia" (a escala de instrumentalidade mide a autoadscrición de cada persoa a trazos de personalidade instrumentais, tradicionalmente considerados como masculinos, como por exemplo, “competitivo/a”; a escala de expresividade mide a autoadscrición de cada persoa a trazos de personalidade expresivos, tradicionalmente considerados como femininos, como por exemplo, “cariñoso/a”).
Os investigadores consideran que "para fomentar actitudes positivas cara á diversidade sexual, é necesario promocionar o desenvolvemento integral da personalidade, libre de roles e estereotipos de xénero, apostando por valores expresivos tanto para mozos como para mozas, baseados na empatía, a afectividade, o coidado, a sensibilidade e a solidariedade co outro".
Neste senso, apuntan, "apostar por unha socialización igualitaria baseada na ética do coidado e o desenvolvemento da intelixencia emocional é unha ferramenta crucial non só para a promoción de actitudes positivas cara á diversidade sexual, senón tamén para a prevención das consecuencias negativas que se derivan do rexeitamento á diversidade, tales como o bullying ou os delitos de odio".
O estudo, titulado 'Actitudes hacia la homosexualidad en adolescentes gallegos/as: aportaciones de la Pedagogía Queer', publicouse recentemente na Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, que editan conxuntamente a Universidade da Coruña e a Universidade do Minho (Braga, Portugal).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.