O PSdeG anuncia unha "ofensiva parlamentaria" contra o atraso da chegada do AVE a Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga quere que a Xunta "se defina" ante a "constatación oficial" nos Orzamentos Xerais do Estado de que Galicia seguirá esperando polo tren de alta velocidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2018 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O portavoz do PSdeG na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou unha "ofensiva parlamentaria" para que a Xunta "se defina" ante a "constatación oficial" nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) do atraso da chegada da AVE a Galicia.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga | Fonte: Europa Press

O dirixente socialista sinalou que o ano 2025 é a data que "figura oficialmente" no anexo de investimentos ás contas do Estado, que atrasan a conexión Olmedo-Lubián-Ourense até aquela data, "lonxe do compromiso de Feijóo e o Goberno, que o situaron en 2020".

O responsable socialista denunciou o "xogo de trileiros" que protagonizan o presidente da Xunta e o Ministerio de Fomento que, segundo censurou, volven pór esta data "despois de que nos orzamentos de 2017 sucedese algo similar".

"Entón o proxecto fixaba a finalización da liña en 2024, pero unha emenda parlamentaria adiantouno a 2020, o que non foi suficiente para que este ano volvesen atrasar a finalización das obras, pero nesta ocasión até 2025", manifestou.

VARIANTE DE OURENSE

Na súa intervención, Leiceaga sinalou que este atraso deriva da construción da variante de Ourense, que está prevista para 2024 e que condiciona o resto da conexión. Ademais, explicou que unha obra destas características necesita, polo menos, seis anos para a súa execución completa, e sinalou que "co paso dun ano, a finalización prevista das obras atrasouse tamén un ano".

"Demostra que pouco se fixo para avanzar", indicou antes de apelar ao Goberno galego a "desenvolver unha estratexia" para conseguir que esta infraestrutura "chegue cando antes" e urxiu a licitación do tramo Siexalbo-Ourense, con proxecto aprobado xa desde o goberno socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta