Manuel Lago (En Marea) sobre Villares: "Onde hai patrón non manda mariñeiro"

O líder de En Marea quere centrar o debate político nas iniciativas políticas da formación e evita aumentar a crise interna. A consulta á militancia non ten data e a dirección espera a reacción da deputada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2018 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, evitou este luns avivar a polémica interna a raíz do incidente que mantivo a deputada Paula Quinteiro coa Policía Local de Santiago na madrugada do 18 de marzo e quixo centrar o debate público nas iniciativas políticas da súa formación.

Paula Quinteiro e Luís Villares, nunha foto de arquivo de En Marea
Paula Quinteiro e Luís Villares, nunha foto de arquivo de En Marea | Fonte: Europa Press

As súas palabras foron acompañadas e secundadas polo deputado Manuel Lago --afín a Esquerda Unida--, unha das persoas que como case a práctica maioría do grupo arroupou a continuidade de Quinteiro e a apertura dun expediente interno para aclarar o ocorrido e a súa actuación no control policial nocturno por mor dunha denuncia por vandalismo. E que este luns foi contundente ao referirse ao caso: "Onde hai patrón non manda mariñeiro", dixo.

Villares, a diferenza de hai agora unha semana cando compareceu só e a título persoal instou a Quinteiro a dimitir, ofreceu unha rolda de prensa acompañado do portavoz económico do seu grupo e a preguntas sobre a evolución do caso internamente asegurou que non había "novidades" e insistiu en que En Marea "decepcionaría" se non "centrase" o interese "informativo" nas iniciativas políticas que impulsa.

Até nove preguntas na rolda de prensa serviron para que Villares rebaixase o ton con respecto á semana pasada gañando así tempo sobre o que suxeriu o luns pasado: unha posible consulta aos inscritos de En Marea sobre a decisión que debería tomar a deputada Paula Quinteiro respecto diso da súa acta.

Precisamente, xa matizou en días pasados que el non lanzara un ultimato dunha semana para adoptar unha decisión sobre o seu futuro e, de feito, a eventual consulta aos inscritos non ten data para a súa celebración.

Luís Villares y Manuel Lago, de En Marea
Luís Villares y Manuel Lago, de En Marea

Con todo, aínda que Villares na súa dobre faceta de portavoz parlamentario e portavoz do partido instrumental tratou este luns de liberar tensións internas, a dirección política mantén o pulso á deputada e agarda unha resposta á petición de dimisión que adoptou o Consello das Mareas --máximo órgano de decisión entre plenarios-- de instarlle a que deixe a súa acta.

PRESENTACIÓN ALTERNATIVA

Á pregunta de se consideran que están a defraudar ao electorado, Villares asegurou que se "defraudaría á cidadanía se non se explicase cal é a crítica á execución orzamentaria que fixo Feijóo en 2017", asunto do que trataba a rolda de prensa. "Sería defraudar que non fixésemos esta crítica e presentásemos unha alternativa. A preocupación do grupo está neste momento en seguir transmitindo a súa oferta de alternativa política para este país", aseverou. "Todos os que compomos o grupo temos este compromiso", remarcou.

Á pregunta de cando saberán se hai novidades, Villares remarcou que "non hai novidades sobre o que xa está explicado". "Si que decepcionariamos, e forma parte do interese informativo, que nós falásemos das cousas que preocupan á xente e das alternativas que ofrecemos e non só dese asunto sobre o que tamén nos pronunciamos", declarou.

Após iso, foi interpelado pola súa postura Manuel Lago. "Non che vou a defraudar: onde hai portavoz non manda mariñeiro. Sintome representado claramente coas declaracións e Luís Villares, compártoas ao 100%. Non hai novidades neste tema", contestou en referencia ao anteriormente dito polo portavoz, pechando así filas en torno ao grupo parlamentario.

"Entendo o interese por falar de temas que nós consideramos que non son problemas para o país. A min non me van a sacar fose da área que contribúe a que o país sexa mellor; falar de temas internos é perder o tempo", quixo resolver Lago.

"TODO COMENTADO"

Villares defendeu que o que En Marea pode "xestionar como alternativa está sobre a mesa" e argumentou que así o "acaban de explicar". "O grupo parlamentario de En Marea oriéntase e orientarase a trasladar ao conxunto da sociedade políticas alternativas ao PP. En Marea xorde como espazo de cambio e unha crítica á situación anterior, fronte a esa crítica espérase de nós unha alternativa", insistiu.

O líder de En Marea remarcou que deles "se pode dicir moitas cousas, pero non que non teñan un proxecto económico claro, de xustiza e de dereitos de cidadáns". "Está todo comentado xa", dixo, despois, ao lembrarlle que a título persoal dixo que Quinteiro tería que dimitir.

Tampouco Manuel Lago quixo agrandar ningunha fisura. "Non hai ningunha novidade, non teño nada que engadir a esa votación do grupo parlamentario", remarcou a continuación de Villares ao ser preguntado por unha votación na que el se mostrou favorable ao expediente interno e a que Quinteiro seguise no grupo.

SOBRE SE LLE PASARÁ FACTURA

Aínda que ambos quixeron pechar o asunto, o comunicado de prensa enviado despois da reunión na que se acordou unha postura (sen apoio explícito de Villares e outros dous deputados), focalizaba no PP a acusación de "instrumentalizar" o caso. Así, preguntados por esta cuestión e por se cren que lles pasará factura no debate parlamentario, o portavoz do grupo respondeu que "o PP é libre de usar a liña que queira, só faltaba!".

"Cada un pode usar os argumentos que queira. A orde do día e as iniciativas que levamos ao pleno son ben claras e aí é onde se retrata cada partido", insistiu o maxistrado en excedencia. Sobre se é "vella ou nova política" a situación na que ven e preguntados por canto tempo van necesitar para resolver as feridas internas Villares resolveu: "De vella ou nova política eu non entendo. Son militante desde hai 40 anos", resolveu Lago, membro de Esquerda Unida.

"QUEN SE AFASTE DA IDEA DE UNIDADE, SERÁ PENALIZADO"

Pola súa banda, nunha entrevista na Radio Galega, o portavoz nacional de Anova e deputado de En Marea, Antón Sánchez, afirmou que "quen se afaste da idea de unidade popular en En Marea será penalizado" e lembrou que a formación política dotouse de instrumentos "suficientes" para solucionar estas cuestións.

Ademais, preguntado pola posible consulta, Antón Sánchez indicou que é "fundamental contar coas bases, pero seguindo os procedementos regulados". "Hai previsto un procedemento revogatorio pero con todas as garantías. A xente que ten que opinar ten que facelo sobre información nosa, non sobre o que pon a prensa; así, un expediente informativo e os procedementos regulados son as claves neste caso", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Meileiro

O problema é que aqui hai catro ou cinco patróns, un ao que ninguén lle fai caso máis que a criada e o xardineiro, o títere que teima en convencer de que lle vai medrar o pelo e tres que fora das baronías tampouco mandan nada, e tampouco ningún mariñeiro, todos turistas en suite de luxo no cruceiro que vai contra as rochas. Paula sé fuerte que din que se dimites o seguinte da lista é Hermida.

2 Xa Cheirades

Cometeu un disparate. Se eu fose Paula Quinteiro, pediría desculpas á policía local e logo demitiría porque a esquerda ten que dar exemplo e ten que practicar unha ética absolutamente irreprochable. Non se pode loitar contra a caste se empeza a haber caste dentro das propias alternativas que loitaban contra a caste. Paula Quinteiro deixou de actuar na sociedade, polo tanto na vida cotiá, como persoa que representa á xente máis agredida neste país e, polo tanto, para a defensa dos seus dereitos e liberdades.

1 Pondaliao

Teñen máis creto as declaracións de Belén Esteban no sálvame que todas as manifestacións dos mareantes xuntas.

1 Pondel

Deixa de ver "Sálvame" e fai algo por este país. XA!!!

2 Mafalda delareboraina

Fai algo coma convencer a un votante de podemos marearnos de que son lo más de lo más chachiguayprogre. Que expresión máis desafortunada a do señor este por certo.