Temas: CATALáN

O catalán que aprendeu galego escoitando os compañeiros de traballo

Joan escoitou falar en galego na súa adolescencia mentres traballaba nunha empresa galega en Barcelona. Logo fíxose tradutor xurado para a nosa lingua.

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/04/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O caso de Joan Artés é cando menos paradigmático. Aprendeu galego por interese despois de traballar na sucursal da empresa “Montaña” en Barcelona. A partir de aí comezou o seu percorrido non só polo galego senón por outras linguas. A día de hoxe é tradutor xurado de galego entre outras ocupacións. A súa perspectiva sobre a lingua é que sente a perda entre as novas xeracións, como pais e nais seguen a falar en castelán aos fillos e fillas. Para el, unha persoa que traballou entre galegos que falaban a súa lingua nunha empresa en Barcelona, a perda de falantes é un fenómeno a ter en conta. Conversamos con el

Joan Artés, tradutor catalán
Joan Artés, tradutor catalán | Fonte: blog de Joan Artés


-Como iniciaches o teu contacto co galego?
Foi cando eu tiña quince anos e fun facer suplencias no verán na empresa Montaña. Era unha empresa de transportes onde practicamente todo o mundo falaba en galego. A maioría eran de Lugo, había algún de Ourense pero é que mesmo un día vin un catalán e un andaluz falando entre eles en galego. Eu quedei sorprendido: “vós tamén falades galego?” e a resposta foi: “non ves que aquí non se fala outra cousa?”. Entón daquela fun recollendo coñecementos pasivos, porque eu estiven alí dous meses. Eu sentía algo curioso, porque na miña casa falabamos todos en catalán, pero o feito de ver diante túa xente falando noutra lingua sorprendía, aínda máis en pleno franquismo. Dous anos máis tarde comecei a interesarme polas linguas, fixen filoloxía semítica, combinaba co alemán, o francés xa o tiña da escola, o caso é que estiven a moverme dunha lingua para outra.

-Unha aprendizaxe autodidacta
Totalmente, porque eu estiven dous meses naquela empresa, logo perdín contacto co galego. Logo un día un amigo de Melilla que falaba galego, vivira un tempo en Santiago e entre nós falabamos catalán, prestárame unha novela de Xavier Costa Clavell “O conde de Viloíde” porque el dicía que me ía interesar. Lin esa novela e logo no ano 1987 convocaron no Ministerio de Asuntos Exteriores as probas de tratudor e intérprete xurado. Todo estaba en mans de Asuntos Exteriores, tanto ruso, sueco e galego, todo o que non é castelán para eles é estranxeiro. E aínda segue nese ministerio a facultade de facer estes nomeamentos. Daquel pensaba presentarme para o catalán pero se tiña posibilidades, tamén me presentaría ou o día antes ou o día despois para facer outro exame, así que probei. Isto quíxeno facer pensando no francés, pero vin que o exame quedaba para o día despois e o exame de galego era para o día antes do de catalán, así que collín o de galego e marchaba un día antes.

"Na empresa vin un andaluz e un catalán falando galego entre eles".

-E como foi o exame?
Teño que dicir que o exame daquela era moito máis doado que o de agora. Daquela era unha tradución directa e non tiñas que facer tradución ao galego, porque a tradución era da lingua que fose para o castelán. Non lle pedían a ninguén un exercicio inverso, nin aos das outras linguas, os de alemán tiñan que demostrar que sabían pasar un texto desa lingua ao castelán. Co galego era o mesmo. Entón fixen os dous exames en dous días e aprovei. A partir de aí, teoricamente tiña oportunidades profesionais de facer algunha tradución, pero non viña nada.

-Cando comezaron a cambiar as cousas?
Pois vinte anos despois, máis ou menos, cando a Xunta comezou a enviar documentos a partir do 2003 cando debeu coller a transferencia das traducións xuradas en relación co galego. Daquela si, porque tamén fixen o carné para facer a convalidación da Xunta e así comecei a facer algunha cousa. O curioso do caso é que agora mesmo, tradutores daquela época, finais dos 80, que tiñamos o carné do Ministerio só quedamos un na Coruña, outro en Madrid e eu.

"O exame foi no Ministerio de Asuntos Exteriores, para eles todo o que non sexa castelán é estranxeiro".

-Que tipo de traducións facías?
A ver, a xuízos non fun a ningún. As traducións eran de escrituras notariais, certificados académicos, títulos, algún do rexistro civil, sobre todo documentos administrativos.

-Aconteceuche algún suceso destacable, algunha anécdota?
Home, atopei galegos en México, Arxentina, iso é moi frecuente. Na parte de Latinoamérica sempre atopas algún e aquí en Cataluña tamén. É frecuente que vexas dúas velliñas sentadas na parada do autobús e eu vou falar con elas. Hai unha colonia galega moi importante en Cataluña e mesmo algún instituto de aquí, da parte de Hospitalet, que tén aulas de lingua galega.

-Que cousa che chamou máis a atención do galego como lingua?
Gústame a sonoridade e a proximidade co portugués que abre oportunidades. Iso díxomo un taxista unha vez “a xente non o sabe, pero é que os galegos  temos Portugal, Brasil, Mozambique ou Angola”. E díxomo así “temos”. Tén razón porque entras por un lado e entras polo outro. Para min tamén é chocante atopo xente que me fala en castelán aínda que lle falo en galego, pero eu sigo a falar galego. Digamos que son unha especie de galeguista, sen ser galego. Pero tamén vexo que moita xente entre eles falan en galego e cos nenos en castelán. Iso dáme a sensación que se está a perder, que hai un movemento de ir para atrás nese sentido. Dóeme un pouco, porque as persoas que temos unha lingua de base que non é o castelán, pois dis que é un fenómeno global, que todo o traballo feito anos atrás contra as linguas que non fosen o castelán, pois é un tema que aínda está diante nosa.

"Dóeme a perda da lingua entre os nenos e nenas".

-Por que visitaches tan “tarde” Galicia?
Porque casei por segunda vez e casei cunha filla de galegos. Entón xa tiña a excusa perfecta para non demorar máis a viaxe, foi para coñecer a súa familia que é monolingüe galega, tanto por parte de nai como de pai. Entón iso para min foi estupendo, como se fose un máster.

-Cal é a impresión que se ten sobre os galegos e Galicia en Cataluña?
Para min moi boa. Hai moita simpatía pola xente que ten outra lingua, porque aquí tamén pasamos penalidades por cousa da lingua, entón hai unha solidariedade natural cos galegos e tamén cos vascos, porque para nós é importante defender o seu. O que non vexo moito é reciprocidade, cando falas con galegos parece que non son moi amigos dos cataláns, pero non podes xeralizar claro.

Temas: CATALáN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta