Temas: BURELA ATúN PESCA

Bonito do Norte, a que prezo?

O mes de xuño iniciarase como cada ano coa costeira do bonito, quizais unha das pesqueiras máis afamadas no norte de Galicia, aínda que cada ano o número de barcos para esta actividade parece ir a menos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 10/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A costeira do bonito está entre as actividades pesqueiras máis importantes dentro da economía de moitos portos no Mar Cantábrico. Antigamente era una pesqueira que se facía como actividade complementaria durante o verán. Logo, co paso do tempo e o aumento da demanda deste túnido, así como doutras especies da mesma familia, a captura deste peixe volveuse unha actividade de peso, sobre todo para armadores e embarcacións que non tiveran unha boa tempada durante o inverno.

barco boniteiro
barco boniteiro | Fonte: youtube

Cómpre dicir que o nome “bonito” pode aplicarse a dous túnidos, bonito do norte (Thunnus Alalunga ) ou atún branco e o bonito do Atlántico ou listado (Sarda Sarda). O caso é que tanto en Galicia como no resto da costa cantábrica o bonito é o nome para o atún branco, o único.

A PESCA

A tempada de pesca comeza no mes de xuño e remata a comezos ou mediados de outubro. A costeira está composta de mareas, que son espazos de tempo que poden ir de cinco días a quince días. Os meses máis activos son xullo e agosto. Esta tempada iníciase cando os barcos se achegan ás illas dos Azores, que son un punto de referencia para a flota. A partir de aí vaise seguindo a migración do peixe que chegará ao Golfo de Biscaia e mesmo ao sur das Illas Británicas.

O rito de arranxar o barco para a costeira comezaba escollendo as varas longas de eucalipto que eran labradas para colocalas a babor e estribor. Despois un conxunto de aladores irían botando tanza ou sedela co engado para que o peixe pique. Este arte chámase curricán. A continuación  o depósito do barco con gasóleo, súbense os víveres, gasóleo, xeo seco e revisábase unha vez máis o motor. A día de hoxe, as varas son longas extensións de aluminio resistente, máis práctico, moito mellor contra a corrosión e a humidade. A función segue sendo a mesma. O cebo deixou de ser a sardiña viva ou as follas de millo branqueadas con lixivia.

O feito de pescar cunha “cana” de longas dimensións implica que a pesca se fai de maneira selectiva. Vaise ao propio peixe, sen danar outras especies que estean ao redor ou no medio do banco. Para localizalo agora úsanse sistemas electrónicos, pero antigamente había que usar á tripulación buscando as “manchas” ou concentracións de plancton. Aí estaba o bonito e aí comezaba a pesca. Izados abordo, os peixes son colocados nas neveiras entre xeo seco. Coas neveiras cheas, vólvese para porto e alí é descargado para ser rulado na lonxa.


O BARCO E TRIPULACIÓN

As embarcacións son as mesmas empregadas para outras artes de pesca como do pincho, xarda, arrastre de litoral etc. A cuestión é que para moitos destes pesqueiros, o bonito supón un complemento importante para as actividades peláxicas desenvolvidas no inverno, como son o peixe espada e outras especies.

O número de tripulantes varía de dez a doce por cada barco, aínda que pode haber embarcacións con algún máis. Pola contra, os barcos franceses e irlandeses poden levar a bordo seis ou sete mariñeiros que son especialistas no traballo das máquinas que largan e izan os aparellos. Por outra parte, a día de hoxe a composición da tripulación dun barco dista moito da homoxeneidade que ata hai dúas ou tres décadas imperaba nesta arte de pesca.

Os galegos van dando paso a mariñeiros latinoamericanos, indonesios e caboverdianos. Estes últimos xa traballaban desde os anos setenta e oitenta. A incorporación de traballadores doutras nacionalidades obedece á escasa demanda laboral por parte de mozos galegos e a que moitos inmigrantes veñen xa con experiencia no traballo do mar. Ademais, aínda que os galegos seguen a formar parte das tripulacións, hai unha tendencia a que os fillos non “actúen” como relevo xeracional, pois buscan outras oportunidades laborais en terra.

SALARIOS, CONTRATACIÓN E GASTOS

A primeira cousa que se debe deixar clara nesta pesqueira é que os salarios son “á parte”. É dicir, corresponden a partes que se extraen das ganancias na venda do peixe. Estas partes páganse logo de descontárense os gastos do barco e a parte que queda para o armador,  pois esta é o beneficio da empresa. Descontado todo isto, xa temos o diñeiro que irá parar ás nóminas. Por tanto os salarios serán conforme os prezos das vendas.

A variabilidade dos salarios e prezos pode calcularse nos primeiros quince días, cando as capturas son menores e os prezos de saída elevados. Logo, a partir de xullo ou mediados do mesmo mes, os prezos descenden pola chegada de capturas moito máis abundantes. Como apunta Xabier Aboi da CIG-Mar “no caso do bonito, cada barco é un mundo á parte, unha empresa que ten as súas regras no sistema de pago aos tripulantes”. Isto pódese ver no que serían as extras. Segundo a categoría do mariñeiro, este negocia co armador un extra pola súa actividade. Por exemplo, un maquinista pode levar dous salarios ou partes, un tripulante con posición de “pesca”, vixía especializado, podería levar tamén dúas partes. Todo depende de como se teña negociado co armador. Estas prácticas habituais, poden reflectirse no Réxime Especial da Seguridade Social para os Traballadores do Mar. En tal caso, boa parte das tripulacións son o que chamariamos fixos de empresa que poderían ter unha vida laboral longa no mesmo barco.

Sobre a cuestión dos gastos, Miguel Neira , director de ABSA, asociación que engloba boa parte dos armadores de Burela “o gasto máis elevado vai en combustible, gasóleo para barco, que anda entre os 45 e 48 céntimos litro”. Seguidamente está o xeo seco para a conservación do peixe ata a chegada a porto. Seguidamente están os víveres para a tripulación, que inclúen produtos como pan especialmente feito para barcos.

Os beneficios dependerán da contía dos prezos, da cantidade de peixe, da capacidade de resolución para dar co banco de bonito e sobre todo de que non haxa unha presión forte por parte dos pesqueiros franceses e irlandeses, sobre todo. Pero podería dicirse que esta pesca é das “que se defenden ben”, con beneficios relativamente bos. Aínda que hai momentos nos que os ingresos e gastos quedan a empatar, uns chegan para cubrir aos outros.

PRESIÓN


A presión sobre o bonito non é perigosa por parte da flota galega e cantábrica. O problema está nas artes que usan os barcos doutros países. Franceses e irlandeses, sobre todo, usan o sistema de arrastre, con dous barcos tirando dunha rede que recolle todo canto hai no seu percorrido. É unha arte intensiva que busca encher inmediatamente as bodegas do barco, procurando así o maior beneficio en menor tempo.

O grande dato curioso nesta pesca é como se desenvolve entre uns pescadores e outros. A flota galega pesca polo día, pois a arte, o curricán, só serve para usarse con luz natural. Mentres estes barcos pescan en horario diúrno, as flotas estranxeiras están esperando a caída da noite. Primeiro deixan que sexan os barcos galegos e cantábricos os que localicen o peixe e pesquen polo día. Pola noite é cando as flotas estranxeiras pasan as redes no mesmo banco de peixe e polo medio dos barcos que pescaban polo día. Isto ten ocasionado máis de un incidente entre flotas.

A arte do arrastre non está prohibida para o bonito nin en Francia nin Irlanda ou Reino Unido, si en España. A UE só pode aconsellar ou ser un órgano consultivo neste caso. Por tanto catro lexislacións diferentes para unha mesma actividade. O choque de sistemas trouxo hai vinte anos a “Guerra do Bonito”, un enfrontamento de toda a flota do Cantábrico contra irlandeses, franceses e británicos. Os tres últimos usaban a arte da volanta, redes quilométricas que ademais de levar todas as especies que caían nelas, supoñían un perigo para os mesmos barcos que podían enredar as hélices nos aparellos.

Por tanto, a costeira do bonito segue sendo a día de hoxe unha das actividades peláxicas máis importantes da flota galega. Haberá que esperar ás primeiras semanas de xuño para coñecer a evolución de prezos e se con iso, podería dicirse que a desta pesqueira ten futuro a medio e longo prazo.

Temas: BURELA ATúN PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta