Temas: ADEGA RíOS

Critican o Plan Básico da Xunta para a ordenación do territorio porque "omite gran parte da rede fluvial"

Adega e AEMS-Ríos con Vida identificaron en todos os concellos galegos, agás en cinco da provincia de Pontevedra, deficiencias no PBA relativas á identificación da rede fluvial.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/04/2018 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e AEMS-Ríos con Vida veñen de presentar alegacións ao Plan Básico Autonómico (PBA) —para a ordenación do territorio, coas normas básicas urbanísticas de 219 concellos— por, din, "non contemplar o grafado dunha parte moi considerable da rede fluvial galega".

Río
Río | Fonte: Adega.

Ambas as asociacións censuran que "o documento non contempla regos ou regatos que figuran na parte máis capilar da rede, como é nas cabeceiras, pero tampouco recolle treitos de maior entidade da rede fluvial que xa están identificados en varias fontes cartográficas das que dispón a Xunta de Galicia, en concreto, a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, impulsora do Plan ( (cartografía 1: 50000 do Exército de mediados do século pasado, cartografías 1:25000 do IGN, cartografías municipais, etc.)".   

Nun estudo comparativo entre diversas cartografías, ambas entidades detectaron en todos os concellos galegos, agás en cinco da provincia de Pontevedra, deficiencias no Plan Básico Autonómico relativas á identificación da rede fluvial, e poñen como exemplos algúns casos analizados na provincia de Lugo. O caso do concello lucense considérano paradigmático, xa que "o PBA desatende aproximadamente o 45% da súa rede fluvial municipal, se se compara coa cartografía fluvial do concello editada en 1984, de forma que dos 620 quilómetros de ríos de Lugo, o PBA só contempla 343 quilómetros".

O mesmo sucede, apuntan, noutros concellos da provincia como, por exemplo, en Barralla ou Cospeito, onde "se omiten cando menos 98 e 42 quilómetros da súa rede fluvial, respectivamente".

"Se estas deficiencias non se corrixen no Plan Básico Autonómico, os ámbitos de afección de boa parte da rede fluvial galega, nomeadamente, a parte correspondente  ás Zonas de Fluxo Preferente (ZFP) e ás Zonas de Policía (ZP), quedarían sen protección e sen definición", advirten Adega e AEMS-Ríos con Vida.

Ambas as asociacións subluiñan que "este defecto de delimitación iría en contra da normativa vixente que obriga a identificar a rede fluvial e a determinar os correspondentes ámbitos de afección no PBA (art. 49 da Lei 2/2016 e artigos 90 e 92.1 do Decreto autonómico 143/2016), así como a delimitar as zonas inundables (Determinación excluínte 4.8.16 das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia), tarefas para as que a Xunta dispón dos medios necesarios", sinalan.   

DEMANDAS

Adega e AEMS-Ríos con Vida completan as súas alegacións coa achega de dous estudos que xa foran presentados por estas organizacións ante a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en decembro de 2012 e no memo mes de 2013: un estudo hidrolóxico e hidráulico do tramo medio-alto do río Rato —tramo que o PBA segue a omitir—, e un estudo parcial da rede fluvial do Concello de Lugo, onde se determinou o trazado de máis de 20 tramos fluviais, cunha extensión aproximada de 45,8 quilómetros, dos que case a metade (22 quilómetros) tampouco aparece reflectida no PBA.   

Estes colectivos solicitan, por tanto, que se corrixan todos os fallos detectados e que se revise toda a cartografía de aplicación existente á hora de grafar e delimitar adecuadamente toda a rede fluvial galega no Plan Básico Autonómico, e de forma que se determinen correctamente os seus ámbitos de afección e protección. Ademais, instan á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a consultar, entre outras fontes, a cartografía militar do século pasado na que se identifican, de forma minuciosa, as canles e masas fluviais do territorio galego.   Tamén reclaman que se amplíe o prazo de exposición pública para poder realizar con máis tempo as precisas achegas ao borrador do Plan Básico Autonómico.

Temas: ADEGA RíOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Rodriguez de Viguri

Que Plan Basico¿...

1 xose.

o plan donde se recolle todo o que existe no territorio. Como patrimonio cultural e arqueoloxico, rios, zona de monte e agricola, estradas e todo iso.