Pastor recibe este xoves ás vítimas do Alvia de Angrois, cinco anos despois do accidente

Os afectados reclamarán á presidenta do Congreso que "pida perdón e asuma a súa responsabilidade" polo sinistro que aconteceu cando ela era ministra de Fomento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2018 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

A presidenta do Congreso, Ana Pastor, recibe este xoves ao presidente da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia, que ocorreu en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, cando ela era ministra de Fomento. Será a primeira vez que se entrevista cun representante dos afectados pola maior traxedia ferroviaria de España desde 1972, na que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

Ana Pastor, presidenta do Congreso
Ana Pastor, presidenta do Congreso | Fonte: Europa Press

En xullo de 2016, tres anos despois do sinistro, Pastor accedeu a reunirse coa asociación, que por entón esixía "xustiza, verdade e reparación" mediante unha comisión de investigación parlamentaria que, aínda que hoxe en día está aprobada, leva case sete meses bloqueada nas Cortes.

O encontro non chegou a producirse, posto que xusto ese día, o 19 de xullo, transcendeu o nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso dos Deputados. As vítimas abandonaron a reunión criticando unha postura que na súa opinión foi "covarde". Era a terceira cita entre Fomento e os afectados polo accidente e apenas durou cinco minutos, coa presenza do por entón secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Julio Gómez-Pomar e o presidente de Adif, Gonzalo Jorge Ferre e Renfe, Pablo Vázquez.

Por parte dos afectados acudiron máis de 15 persoas membros da plataforma. Á reunión deste xoves tamén prevé acudir unha delegación do colectivo, aínda que o gabinete da presidenta do Congreso matizou que só se entrevistará co seu presidente, Jesús Domínguez.

"AÍNDA QUE SEXA CINCO ANOS DESPOIS"

Domínguez, en declaracións a Europa Press, adiantou que vai reclamarlle a Pastor que, "aínda que sexa cinco anos despois, pida perdón e asuma a súa responsabilidade" polo sinistro. Lembraralle que Europa criticou por falta de independencia a investigación que sobre o accidente realizou a CIAF, a comisión de investigación de accidentes ferroviarios que se inscribe no Ministerio de Fomento.

Ademais, trasladaralle documentación da que carece o xulgado compostelán que investiga a causa sobre normativa aplicable na liña Ourense-Santiago, onde se produciu o descarrilamento.

Jesús Domínguez lembrou que Ana Pastor no seu día indicou que pedira unha auditoría sobre a rede ferroviaria. "E non viron que non se fixo un informe de avaliación de riscos crave", censura, en alusión ao documento independente polo que o xuíz instrutor mantén investigados a dous cargos de Adif, un de Renfe e tres técnicos da consultora Ineco.

En decembro de 2016, o novo ministro, Íñigo de la Serna, recibiu ás vítimas, ás que comunicou que non apoiaría a súa reivindicación dunha comisión de investigación para depurar eventuais responsabilidades políticas pola traxedia, demanda que si apoiara seis meses antes sendo alcalde de Santander, durante un pleno do Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta