O Colexio de Avogados da Coruña pide retomar o diálogo no conflito da Xustiza

O colectivo considera que se está diante dunha situación "dramática". Tamén mostra a súa preocupación polos xuízos suspendidos e o "máis de milleiro de casos" de xustiza gratuíta sen tramitar.

Por E.P. | A CORUÑA | 12/04/2018 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O Colexio de Avogados da Coruña asegura que a situación xerada pola folga de xustiza con dous meses de paro xa ten "aspecto dramático". Deste xeito o Colexio insta ás partes a retomar a negociación e a ser "conscientes" da situación xerada. "Cuxo principal prexudicado é a cidadanía que se ve incapaz de acceder a un dos seus dereitos básicos", sinala o colectivo nun comunicado. No mesmo, afirma que son "miles" os xuízos suspendidos e "máis dun milleiro de casos" de xustiza gratuíta sen tramitar.

Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago
Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago | Fonte: Europa Press

O Colexio de Avogados engade que nestes meses de folga tentou "colaborar entre as partes mediando e ofrecéndose como axente imparcial para favorecer un acordo que até a data non se alcanzou". Así, explica que se puxo en contacto coa Xunta de Galicia e cos representantes dos sindicatos para "tentar achegar posturas" e expor as "consecuencias" da folga. Entre elas, apunta aos xuízos suspendidos. En particular, mostra a súa preocupación pola "paralización" da xustiza gratuíta.

Respecto diso, indica que nestes meses "deixáronse de tramitar máis dun milleiro de casos, un feito moi alarmante e que prexudica sobre todo ás persoas con situacións económicas máis delicadas que están obrigadas a recorrer a este servizo agora paralizado".

MEDIDAS

Como medidas adoptadas polo Colexio de Avogados para abordar a situación cita "o adianto do pago da quenda de oficio aos avogados adscritos ao servizo", pero insiste en que "moitas avogadas e avogados atópanse nunha situación realmente complicada xa que ven como non teñen ningún ingreso" pola folga.

Por outra banda, o Colexio desde o primeiro día do paro esixiu que, con antelación suficiente, se remitise á entidade colexial unha relación de xuízos que serían suspendidos para trasladas esta información aos colexiados. "Con todo, todos os esforzos realizados neste sentido tamén resultaron inútiles e por iso os cuantiosos danos e prexuízos ocasionados á cidadanía e aos profesionais víronse agravados con innecesarios desprazamentos aos xulgados".

"As suspensións dos xuízos realizáronse mesmo na mesma porta do xulgado á hora prevista para a celebración do xuízo a pesar de citar ás partes", cita como exemplo. "É imperioso a negociación dunha saída para esta situación cuxas consecuencias futuras son incalculables", conclúe o seu comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta