Máis de 750 persoas gozaron dos catro días de concertos e actividades do MelonaFest #3

Os organizadores ven "consolidado" o proxecto e xa pensan na cuarta edición

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2018 | Actualizada ás 18:45 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Máis de 750 persoas gozaron entre o 4 e o 8 de abril das actividades encadradas dentro do MelonaFest #3, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado de máis de 200 persoas.

Público durante o MelonaFest #3
Público durante o MelonaFest #3 | Fonte: Europa Press

"As cifras demostran a consolidación do proxecto", destaca un dos membros do colectivo La Melona, Coque Dosil, quen considera que a cidade "está sedenta de propostas que se saian do común".

Os catro días de concertos e actividades culminaron o sábado coa sesión de noite na Sala Malatesta. Alí tocou o prato forte do festival, Esplendor Geométrico.

Os madrileños fixeron un repaso aos seus case 40 anos de carreira nun concerto que estivo a piques de colgar o 'non hai billetes'. Xunto a eles, e polo mesmo escenario, desfilaron Emilio José e Os Indíxenas, a lisboeta Nídia, o sevillano Bronquio e os locais Pálida e KadettGSI.

Esa mesma xornada, o público asistiu de maneira gratuíta aos concertos na carpa instalada xunto ao bar Embora, sen que a choiva fixese acto de presenza. Foron cinco bandas: Blanco Palamera, Mounqup, Dois, Vietnam e Cuchillo de Fuego.

O RESTO DE XORNADAS

O festival arrincou o mércores da man de Timpahn e a súa electrónica industrial. O barcelonés non puido despregar toda a súa batería de sons debido a unha lesión no ombreiro, pero deleitou ao público cunha boa dose de ritmos bailables da man de sintetizadores e samplers.

O festival continuou o xoves coa proxección de 'Geometría del Esplendor', que percorre a historia da banda madrileña Esplendor Geométrico, para continuar posteriormente con tres concertos na Fundación SGAE: Mazmorra, Rayotaser e Baiuca.

Os bilbainos Mazmorra, con Ana Arsuaga á cabeza, ofreceron un concerto que se movía entre a electrónica, os ritmos latinos e o soul. Cando o seu concerto estaba a alcanzar o clímax, un problema cos instrumentos fíxolles imposible continuar co show.

Colleron o relevo os galegos Rayotaser, quen co seu synthpop conseguiron caldear un ambiente enrarecido após o inesperado fallo de Mazmorra, deixándoo perfecto para Baiuca.

O galego Alex Casanova e o seu novo proxecto foron, sen dúbida, as estrelas da xornada. A súa mestura de electrónica e música tradicional galega conseguiu enganchar ao público e polo a bailar en éxtase. Sen dúbida, unha proposta orixinal na que samplers e sintetizadores mestúranse en directo con frautas e cunchas.

Xa o venres foi a quenda de Galope Mestizo e Manu Louis, quen encheron a tarde de ritmos bailables e propostas novas en Unitaria após a charla 'Eu fíxeno antes', na que diferentes personalidades da cultura debateron sobre os límites do plaxio, a inspiración e as implicacións das novas tecnoloxías no proceso de creación.

A noite pechouse no Corzo Club cunha sesión dedicada única e exclusivamente ao trap, encabezada por Boyanka Kostova, grupo pertencente ao propio selo de La Melona. Os composteláns presentaron o seu novo traballo 'Vella Canción Galega'. Estiveron acompañados no escenario polos portugueses Ângela Polícia e os tamén galegos SAD DAMN HOSSE LEAN.

Os organizadores móstranse satisfeitos pola acollida desta terceira edición. "Cumprimos cos obxectivos marcados", asegura Coque Dosil. "Xa estamos a pensar na cuarta edición", finaliza.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta