Darío Campos: "Manolo Martínez ten inquina co 'besteirimo' e iso é unha enfermidade psiquiátrica"

O presidente da Deputación de Lugo entoa "o mea culpa" por ser "artífice de que Manolo volvese en contra da opinión dalgúns".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, afirmou que Manuel Martínez, que até o mércores ocupaba o cargo de vicepresidente do ente provincial, "ten inquina co besteirismo" e "iso é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica que hai que curar con tratamento deste tipo, psicolóxico ou psiquiátrico".

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos | Fonte: Europa Press

Así o manifestou Darío Campos nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press. "Eu creo que ten algo gravado aí dentro de si mesmo, de non ser presidente hai 12 anos", agregou. Segundo o presidente provincial, "Besteiro foi un gran presidente, gran secretario xeral de Lugo e de Galicia", e agora é "un militante máis", cualificando de "teimas persecutorias" as críticas de Martínez.

Darío Campos admitiu sentirse "decepcionado" coa "actitude" de Manuel Martínez, despois de darlle unha nova oportunidade fai algo máis dun ano coa súa reincorporación ao grupo provincial socialista. Fora expulsado despois de que en 2015 rompese a disciplina de voto do grupo socialista provocando que a presidencia da Deputación lucense recaese no PP, pero reincorporouse en 2017, xa co goberno en mans do PSOE.

Por iso, Campos asegurou que entoa "o mea culpa" por ser "artífice de que Manolo volvese en contra da opinión dalgúns", aínda que di que non se arrepinte "de nada". "Fun o artífice de darlle esa segunda oportunidade" e "síntome decepcionado coa actitude que mostrou durante estes días", engadiu.

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde da Pontenova tamén defendeu ao actual secretario provincial dos socialistas lucenses. De Álvaro Santos, Campos afirmou que é "un gran traballador" e "gran persoa" e mostrouse convencido de que "Álvaro vai ser un gran secretario xeral" en Lugo.

En canto á situación de minoría do grupo de goberno provincial, Campos lembra que "sempre foi un goberno en minoría" desde o inicio e iso non lle impediu levar adiante iniciativas ou aprobar os orzamentos en varios exercicios.

Por outra banda, Campos limita a "rumores" as posibilidades de que se constitúa unha lista alternativa ao PSOE, na provincia de Lugo para as municipais, como ten apuntado Manuel Martínez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta