Contrarréplica de Caballero a Rueda: Esíxelle que "traballe" e o ve "nervioso" pola "guerra de sucesión" de Feijóo

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, responde a Rueda que son "miles" os traballadores e usuarios de xustiza que piden o seu cesamento

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2018 | Actualizada ás 19:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Gonzalo Caballero, replicou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que os que piden o seu cesamento son "miles" de traballadores e usuarios de xustiza en Galicia e esixiulle que "traballe" e "deixe a un lado a sucesión de Feijóo", unha "guerra" ante a que o ve "moi nervioso".

Nunha nota de prensa, Caballero saíu así ao paso das afirmacións que este mesmo sábado realizou Alfonso Rueda, por mor de que durante a mañá o socialista pedise a Feijóo que tomara cartas no asunto da folga dos traballadores de xustiza ou ben cesara a Rueda ante a súa "incapacidade" para negociar.

Unha petición de cesamento á que o vicepresidente da Xunta replicou pouco despois afirmando que a Caballero "iríalle mellor se se preocupara da xente que pide o seu cesamento" no propio PSdeG.

E a réplica de Rueda tivo a súa contrarréplica horas máis tarde, en forma de nota de prensa, na que se recollen as declaracións de Gonzalo Caballero asegurando que "son miles de persoas, entre traballadores e usuarios de xustiza en Galicia os que están a pedir o cesamento á vista da súa falta de capacidade para dialogar e xestionar un conflito laboral que dura xa máis de dous meses e que mantén paralizado un servizo público tan relevante".

Ante as críticas de Rueda, o líder dos socialistas galegos ironizou que o vicepresidente da Xunta "está fóra da realidade" e "moi nervioso" ante a "guerra de sucesión" de Feijóo aberta no PPdeG, despois de que este o "decapitase politicamente" ao retiralo da dirección do partido e "relegalo" ao PP de Pontevedra.

Gonzalo Caballero incidiu neste aspecto e comparou o sistema de designación dos socialistas co dos populares. "Eu son secretario xeral do PSdeG polo voto libre en primarias de miles de afiliados socialistas que queren cambiar Galicia, mentres Rueda creceu á sombra de Feijóo e do aparello do PP", remarcou.

Así, instou a Rueda a "traballar" para "solucionar" o problema que ten encima da mesa e polo que esperan resposta tanto os empregados públicos como os cidadáns que atopan "pechadas" as portas da xustiza.

"Que traballe e se ocupe dos problemas, no canto de perder os papeis pola falta de argumentos, dada a súa incapacidade", sentenciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta