Así contamina o sector pesqueiro o planeta

As emisións de gases de efecto invernadoiro causadas pola pesca aumentaron un 28% en dúas décadas malia que os desembarques permaneceron relativamente constantes. As frotas pesqueiras coas maiores emisións globais atópanse en China, Indonesia, Vietnam, Estados Unidos e Xapón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As emisións globais de gases de efecto invernadoiro da industria pesqueira en todo o mundo aumentaron progresivamente nas últimas décadas, malia que os desembarques permaneceron relativamente constantes. En concreto, as emisións do sector pesqueiro mundial creceron un 28% entre 1990 e 2011, segundo datos dun estudo científico publicado na revista Nature Climate Change. Asia é o principal foco de contaminación, concentrándose só en China unha cuarta parte das emisións mundiais da pesca, máis que o impacto combinado de Europa e América.

Traballador nun buque pesqueiro do porto de Vigo
Traballador nun buque pesqueiro do porto de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

O estudo, realizado por expertos das universidades de Tasmania (Australia) e British Columbia (Canadá), constatou que o crecemento das emisións foi impulsado principalmente polo aumento das capturas de crustáceos desde buques cun alto consumo de combustible. Outro dato destacado neste traballo de investigación é que a emisión media por tonelada desembarcada creceu un 21%

Os expertos cren que se podería rebaixar as emisións se unha maior proporción de desembarques se dirixisen ao consumo humano en lugar de a usos industriais.

"Demostramos que o sector pesqueiro pode contribuír substancialmente ás emisións nacionais dos países que dependen máis da pesca como fonte de alimentos e de ingresos", afirman os autores do estudo.

A produción de alimentos, en conxunto, é responsable dunha cuarta parte dos gases de efecto invernadoiro antropoxénicos a nivel mundial (os producidos pola actividade humana). Até agora, a actividade pesqueira era normalmente excluída das avaliacións mundiais de emisións de gases ou a súa aportación se xeneralizaba en base a un número limitado de estudos de casos. O estudo agora publicado en Nature Climate Change aporta datos globais sobre as emisións específicas da pesca en todo o mundo. Ademais de cuantificar o consumo de combustible e as emisións de gases de efecto invernadoiro para a frota pesqueira mundial desde 1990 ata 2011, tamén se compararon as emisións do sector pesqueiro coas da produción agrícola e gandeira.

En total, a pesca consumiu 40.000 millóns de litros de combustible en 2011 e xerou un total de 179 millóns de toneladas de CO2 equivalente, isto é, o 4% das emisións da produción mundial de alimentos [o CO2 equivalente inclúe os seis gases de efecto invernadoiro recollidos no Protocolo de Kioto: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido de nitróxeno (N2O), hidrofluorocarburos (HFC), perfluorocarburos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6)].

EMISIÓNS DAS FROTAS POR REXIÓNS 

As frotas pesqueiras coas maiores emisións globais de gases de efecto invernadoiro atópanse en China, Indonesia, Vietnam, Estados Unidos e Xapón. Estes cinco países representaron o 37% dos desembarques e o 49% das emisións totais en 2011, e xuntos produciron 81 millóns de toneladas de CO2 equivalente.

Os científicos destacan que "a contribución substancial ás emisións pesqueiras de Asia [121 millóns de  oneladas de CO2 equivalente] reflicte o alcance da pesca e a escala das frotas nesa rexión". Só a industria pesqueira chinesa emitiu 50 millóns de toneladas de CO2 equivalente, aproximadamente unha cuarta parte do total das emisións mundiais da pesca, máis que o impacto combinado de toda a pesca de Europa (20 millóns de toneladas de CO2 equivalente) e toda América (26 millóns).

O estudo tamén revela que "os países que se centraron desproporcionadamente nos crustáceos, como Arabia Saudita e Australia de frotas intensivas en carbono". Así, malia que o sector australiano recolle volumes substancialmente inferiores aos de moitos outros países, ao concentrarse en especies de crustáceos de alto valor, incluídas as lagostas de rocha e gambas, o uso intensivo de combustible do sector pesqueiro australiano é "varias ordes de magnitude maior que a de moitas pesqueiras de pequenos peláxicos". Como resultado, indican os científicos, "aínda que contribuíron con só o 0.,5% das emisións globais totais, as frotas australianas estiveron entre as máis intensivas en carbono en 2011, cunha intensidade de emisións media (5,2 kg CO2-eq por kg) que foi varias veces a media da frota estadounidense (1,6 kg CO2-eq por kg)", por exemplo.

EMISIÓNS POR TIPO DE PESCA

A contribución ás emisións totais de pesca varía notablemente entre os sectores cando as frotas se desagregan por clase de especie. Así, a pesca de especies peláxicas que normalmente teñen menos de 30 centímetros de lonxitude, e que representaron unha quinta parte dos desembarques informados durante todo o período, contribuíu con só o 2% das emisións da pesca mundial.

A pesca de crustáceos, doutra banda, representou só o 6% dos desembarques, pero máis do 22% das emisións. En particular, os cienítificos sinala a pesca de arrastre dirixida a crustáceos, a cal "consome cantidades substanciais de combustible no proceso".

Os cientídicos destacan que máis dun terzo dos desembarques da pesca mariña mundial notificados non teñen fins alimentarios, aínda que a proporción de desembarques para estes fins diminuíu co tempo. A maioría deste tipo de desembarques destínanse á produción de fariña e aceite para abastecer a acuicultura e a alimentación do gando, e localízanse principalmente en Chile, Perú, Tailandia, Europa, China e Estados Unidos. A pesca non alimentaria foi responsable do 15% das emisións mundiais da industria pesqueira en 2011, cunha intensidade de emisión media de aproximadamente 1,1 kg de CO2-eq por kg de peixe desembarcado.

Os expertos estiman que o sector pesqueiro non motorizado representou 6 millóns de toneladas de peixes e invertebrados desembarcados en 2011. A gran maioría destes desembarques realizáronse en África e Asia, sobre a base de porcentaxes estimadas de buques pesqueiros non motorizados por país nestas rexións. Estes buques non motorizados contribúen con menos do 2% ás emisións atmosféricas xerais do sector no seu conxunto. Con todo, os investigadores expoñen: "Unha posible fonte de preocupación para a xestión pesqueira nos países en desenvolvemento é o aumento esperado da dependencia dos combustibles fósiles a medida que as frotas cambian dos métodos tradicionais ás operacións industrializadas de uso intensivo de enerxía".

TENDENCIAS

O desembarques totais das frotas pesqueiras mundiais mantivéronse relativamente sen cambios entre 1990 e 2011. Porén, as emisións aumentaron un 28% con respecto aos niveis de 1990 nas dúas décadas analizadas, contribuíndo con 39 millóns de toneladas máis de gases de efecto invernadoiuro en 2011 que en 1990. Ademais, a intensidade media das emisións por tonelada de desembarques aumentou un 21% durante o mesmo período.

Gran parte do aumento xeral das emisións durante este período de tempo pódese atribuír á composición das capturas, segundo os científicos. En particular, sinalan os desembarques da pesca de crustáceos de alto rendemento, que aumentaron un 60%. De feito, os datos revelan que as emisións de gases das frotas pesqueiras mundiais aumentaron ao aumentar as taxas de captura de crustáceos e peixes demersais e de arrecife.

MENOS CONTAMINANTE QUE A AGRICULTURA E A GANDERÍA

A produción de alimentos é responsable do 25 por cento da emisión de gases de efecto invernadoiro producidos pola acción humana. As emisións mundiais da produción agrícola e gandeira na base de datos FAOSTAT, da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura —excluídas as relacionadas coa queima de sabanas e terras de cultivo—, ascenderon a 5.000 millóns de toneladas de CO2 anuais en 2011. Polo tanto, as emisións da pesca, de 179 millóns de toneladas, representan aproximadamente o 4% do total.

En aproximadamente a metade dos países do mundo, incluída case todas as nacións industrializadas, a pesca representan menos do 5% das emisións producidas polo sector alimentario. Con todo, nalgúns países costeiros e insulares, incluídas Kiribati, as Illas Marshall e as Maldivas, onde a agricultura é limitada e a maioría das proteínas producidas no país proveñen do océano, a pesca representa case todas as emisións de gases causasdas pola produción de alimentos. Entre os países e rexións industrializados, as frotas pesqueiras de Islandia (80%), Groenlandia (72%), Taiwan (50%), Noruega (38%), Xapón (21%) e Dinamarca (12%) contribúen substancialmente á produción nacional de gases relacionados coa produción de alimentos, o cal "reflicte o importante papel que teñen a pesca nas súas economías, pero tamén nas dietas e as culturas destes países", salientan os autores do estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta