A valedora alerta do gran problema que existe na Galicia rural coas persoas maiores

Destaca o aumento das queixas relacionadas co rural o pasado ano. Sobre as listas de espera di que "non foi quen de axudar a quen o necesita e o problema segue estando aí"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2018 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, alertou que, en ocasións, a modernización e dixitalización dos servizos sociais deixa atrás ás persoas maiores, polo que instou a que sexan tidas en conta, especialmente aquelas que viven soas e en zonas do rural mal comunicadas.

A valedora do Pobo, Milagros Otero
A valedora do Pobo, Milagros Otero | Fonte: Europa Press

Así o expresou nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press na que Otero aclarou que non se opón á "modernización" do acceso aos servizos, pero que esta non pode levar a cabo "a costa" dos dereitos de certos colectivos con máis dificultades para adaptarse a estes cambios. Deste xeito, puxo como exemplo ás persoas maiores "que viven soas" e en zonas do rural "onde as comunicacións telefónicas son malas e Internet case non existe".

"Estas persoas necesitan un teléfono para avisar de que lles vaia a buscar unha ambulancia. Se aínda por enriba, cando chaman, aténdelles unha operadora, pérdense. Ben, pérdense eles e pérdome eu", incidiu. Esta cuestión foi un dos asuntos destacados no informe anual que o Valedor do Pobo trasladou esta semana ao presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices.

RURAL E SANIDADE

Segundo Milagros Otero, o número de expedientes tramitados pola institución que dirixe relacionadas co rural creceu de forma importante en relación ao anterior exercicio e situouse no 12 por cento do total. Otero indicou que este aumento está relacionado "en gran medida" coa intención de "achegar a institución ao rural" que, até este ano, tiña unha presenza "nula" nas actuacións do Valedor.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

"Eu mesma achegueime para coñecer de primeira man", incide Otero, que apunta que se enviaron "enquisas sobre servizos sociais e necesidades" a "200 concellos de menos de 5.000 habitantes". "Ofrecíame a visitalos, aínda que algúns non lles interesou que fose", comentou.

Así, asegurou que a vaga de incendios rexistrada en Galicia en outubro do pasado ano "non foi o leitmotiv" das queixas recibidas desde o rural, aínda que si houbo presenza daquelas relacionadas coa "mala limpeza" do monte en certas áreas.

En canto á sanidade, cre que Galicia "non ten" un mal sistema sanitario, aínda que recoñece que se pode "mellorar" e que as queixas relacionadas con este ámbito que recibe o Valedor "son parecidas cada ano". "Iso é unha pena, sinto dicir que estamos a traballar en cousas que non están resoltas. Por exemplo as listas de espera. Non fomos quen de axudar a quen o necesita e o problema segue estando aí", admite.

DESIGUALDADE E ACCESIBILIDADE

Por outra banda, a valedora insta a non conformarse cos pasos dados en materia de igualdade pois segue existindo unha brecha entre homes e mulleres "en Galicia, en toda España e todo o mundo". "Non é suficiente, son boas todas as formas de sensibilización, pero non é suficiente. Non se pode quedar un tranquilo dicindo que temos un Día da Muller. É un xesto, pero non máis", remarcou.

En canto aos problemas das persoas con discapacidade, Milagros Otero, cuxa institución presentará un informe sobre este asunto nos próximos meses, cualificou este asunto de "preocupación enorme". E é que o Goberno incumpre desde o pasado mes de decembro a lei que obriga a adaptar edificios e elementos arquitectónicos para a accesibilidade das persoas con discapacidade.

Por último, Milagros Otero pon como obxectivo da institución penetrar de maior forma na sociedade, xa que considera que ese é o camiño que permitirá facer un mellor traballo. "Queda traballo por diante, terei máis forza canta máis forza déame a cidadanía", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta