O certame aRi[t]mar abre o prazo para votar os mellores poemas

O xurado deste concurso xa escolleu as poesías finalistas que se publicaron en Galicia e en Portugal en 2017.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/04/2018 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

aRi[t]mar abrirá a participación do público para escoller as poesías gañadoras de entre as finalistas elixidas xa pola organización. Desta maneira serán os lectores e lectoras quen dean a última palabra para nomear aos ou ás gañadoras. Os e as poetas gañadores, xunto cos músicos xa escollidos, recibirán os premios na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018.

aRitmar
aRitmar | Fonte: aRitmar

Este certame da música e da poesía galego-portuguesa é iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. O proceso de votación abrirase despois do xurado ter seleccionado as vinte (10+10) poesías portuguesas e galegas finalistas. As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, desde as 00:00 h do día 20 de abril até ás 23:59 h do día 20 de maio, e participarán posteriormente nun sorteo dun lote de libros.

Os autores e autoras galegas escollidas son Eli Ríos, Fran Alonso, Lois Pérez, Lupe Gómez, Marta Dacosta, Olalla Cociña, Pura Tejelo, Sther F. Carrodeguas, Xulio L. Valcárcel e Xurxo Alonso. E en Portugal saíron finalistas Alexandre Brea, Rosa Oliveira, Claudia R. Sampaio, Madalena de Castro, José Miguel Silva, Rui Almeida, Golgona Anghel, Ana Luísa Amaral, Manuel Afonso Costa e Nuno F. Silva.

aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza. O obxectivo de aRi[t]mar é divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países. Isto desenvólvese dentro do marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

A organizacón faise entre a Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués. Durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas. Posteriormente escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2017. A finais de outubro os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta