A agricultura ecolóxica ponse de moda en Galicia

As vendas crecen un 42% en 2017 e superan os 59 millóns de euros. Grandes diferencias entre o consumo no rural e nas zonas urbanas. Con todo, moita produción vai para fóra.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2018 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A agricultura ecolóxica está de moda. As vendas certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia creceron un 42% en 2017 en relación co ano anterior, de modo que superaron os 59,09 millóns de euros. Ademais, os operadores subiron un 19,91%, até superar o milleiro, mentres a superficie inscrita aumentou un 15,15% e está preto das 32.000 hectáreas.

Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) | Fonte: GC

A meta que se fixa a Xunta é contar con 40.000 hectáreas certificadas en 2021, segundo avanzou este luns a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Na rolda de prensa de presentación do balance do consello regulador, o seu presidente, Francisco López Valladares, falou de "un bo ano" en termos xerais, con datos "excepcionais" que "superan as previsións máis optimistas".

López Valladares esperou que o plan estratéxico do Goberno galego supoña o "impulso final" para o sector, documento "xa pechado", segundo adiantou a titular do departamento autonómico, que prevé presentar "en breve". Pola súa banda, o secretario da organización, Javier García Lozano, atribuíu ás axudas de Medio Rural, "fundamentalmente", o incremento rexistrado desde 2015, do 109% na superficie total inscrita.

Aínda que o crecemento da superficie inscrita non foi "uniforme" por provincias (o +303,67% de Pontevedra, até 5.745 hectáreas; choca cun -17,5% en Ourense, até 8.241), a evolución das vendas foi máis homoxénea. Así, incrementouse un 45% o volume vendido en Lugo (até 22,02 millóns), un 44% na Coruña (até 10,4 millóns), un 40% en Pontevedra (até 18,12 millóns) e un 35% en Ourense (até 8,55 millóns).

OS MAIORES AUMENTOS: CEREAIS, FROITEIROS, ACEITES

Por produtos, os maiores repuntes déronse en cereais (+146%, até 5,4 millóns), en froiteiros (+126%, até 1,58 millóns) e en aceites (+105%, até 1,46 millóns). No lado contrario, só baixaron as vendas de tubérculos (-52%, até 7,95 millóns), xa que o consello regulador ten inscritos en zonas nas que non se pode cultivar debido á praga da pataca.

Entre outras cifras, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia destacou que o produto certificado de orixe animal representa o 54,66% das vendas, así como o feito de que "gañan peso" os elaboradores, algo que valora "moi importante" porque "son os que poñen os produtos nos lineais".

"CRECEMENTO IMPARABLE"

Pola súa banda, a conselleira chamou a atención sobre outros números, como os que sitúan a Galicia, neste contexto de "crecemento imparable", como "primeira comunidade" en explotacións de leite ecolóxico e segundo en aves de curral para carne e no ámbito apícola (con máis de 40 explotacións).

A maiores, apuntou á produción de 12,5 millóns de ovos ecolóxicos, e reivindicou que este sector supón "unha vía de calidade extrema" para "diferenciarse" que está "a xerar riqueza e emprego" na comunidade.

RADIOGRAFÍA DO CONSUMIDOR

Na quenda de preguntas, os responsables do consello regulador explicaron que o que queda "máis" en Galicia son os produtos hortícolas, que se cultivan na contorna de Santiago, da Coruña e de Vigo e que "abastecen aos consumidores das grandes cidades, onde máis se consome produto ecolóxico".

Os produtos lácteos "case todos" se dirixen para usuarios de Galicia e resto de España, tamén, segundo proseguiron, mentres que viños e sidras destínanse a "toda Europa e fóra de Europa" e a castaña vai en máis dun 80% para fora da comunidade (Estados Unidos, Suíza, Xapón e a Unión Europea entre outros lugares).

Pola súa banda, máis da metade das conservas destínanse a fóra de España e os produtos cárnicos van "case todo" para España, segundo o Consello Regulador.

O PRODUTO CASEIRO, "PRINCIPAL PROBLEMA"

Alemaña é o primeiro destino a nivel internacional e, pese a que "aínda non" se converxeu co nivel de consumo en Europa, os responsables do organismo destacaron que "a converxencia está aí".

"O principal problema do produto ecolóxico (en Galicia) é o produto caseiro", recoñeceron, xa que noutras comunidades "non hai nin aldeas nin produto caseiro", pero "aquí quen máis quen menos ten un familiar" que llos proporciona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta