Funcionarios de Xustiza enviarán diariamente unha carta á Xunta para unha nova reunión e evitar "acabar sen acordo"

Os procuradores instan a Xunta e funcionarios a "retomar" a negociación e alcanzar un "acordo definitivo"

A CORUÑA | 16/04/2018 | Actualizada ás 16:45 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os funcionarios de Xustiza instan á Xunta a "chegar a un acordo" e, por iso, anunciaron que diariamente enviarán unha carta dirixida ao conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, para conseguir unha nova reunión e evitar "acabar coa folga sen acordo".

Na misiva, os empregados públicos de xustiza non fixan unha data concreta para unha nova reunión, senón que o que buscan é que sexa a Xunta a que "cando queira, mellor se é canto antes", proceda a concertar unha reunión cos sindicatos.

Así o anunciou Pablo Valerias, portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, nunha rolda de prensa celebrada nunha das salas da Antiga Audiencia Provincial da Coruña, á que acudiu un gran número de compañeiros, todos eles ataviados cunha camiseta azul coa lema 'Xustiza en Loita'.

Os funcionarios instaron á Xunta a retomar a negociación e a "non acabar coa folga sen acordo". "A Xunta pretende facer unha guerra de desgaste", critican os sindicatos, que insisten en que tanto o comité como os traballadores queren chegar a un acordo para "volver ter unha xustiza de calidade".

Por iso, os funcionarios piden á Xunta que escoite as súas demandas e avogan por terminar cos máis de dous meses de folga indefinida cun proceso de negociación que achegue solucións "satisfactorias" para todos.

Os PROCURADORES

Pola súa banda, a Xunta de Goberno do Colexio de Procuradores da Coruña instaron aos funcionarios e á Xunta a "retomar" a negociación e a non "levantarse" da mesma até alcanzar un acordo ante unha situación "insustentable".

Nun comunicado, expresan a súa "repulsa, hartazgo e hastío pola situación de paralización que atravesan os xulgados galegos que excede o límite do admisible e tolerable".

Por iso, instan as partes inmersas no conflito, "que é de todos", remarcan, para que exerzan "as súas respectivas responsabilidades e desde a perspectiva do interese xeral da sociedade e da Administración de Xustiza procedan de maneira inmediata a retomar a mesa de negociación".

"Non levantándose da mesma até alcanzar un acordo definitivo que poña fin a esta lamentable situación, acordo que deberá incluír, necesariamente, as medidas necesarias que corrixan os perniciosos efectos que a curto, medio e longo prazo produciu a paralización de xulgados e tribunais", indicou.

Tamén lembra que no comunicado que emitiu o pasado 21 de febreiro xa advertiu da necesidade "en aras do interese xeral da sociedade, da cidadanía e do adecuado funcionamento da Administración de Xustiza retomar o diálogo e alcanzasen un acordo satisfactorio".

Co seu novo comunicado, sinalan que queren expresar "o sentir unánime do colectivo ao que representamos que non difire, así o entendemos, do sentir doutros colectivos integrados na Administración de Xustiza e da sociedade en xeral".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta