Presos independentistas piden unidade a partidos e asociacións para reclamar o traslado a cárceres galegos

Destacan que a crise catalá afectou esta reivindicación e denuncian a “chantaxe” do Goberno español para impedir o seu traslado a Galicia. Ao final deste ano só tres deles cumprirán penas nas cadeas de Dueñas, Ocaña e Villabona.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/04/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Colectiv@ de pres@s Independentistas de Galicia (CPIG) fan un novo chamamento ao conxunto das forzas políticas e dos movimentos sociais “sensibles” a súa situación  para levar adiante iniciativas “solidarias, asistenciais e institucionais” para que sexan trasladados a cárceres galegos.

Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago
Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago | Fonte: M.V.

Nun comunicado, este colectivo destaca que esta acción non puido ser realizada o pasado ano debido a crise catalá. “Se bem o ano passado, apostavamos por articular um Agente abrangente e supra-partidário centrado na demanda de traslado a Galiza, a férrea posiçom refractária do Governo espanhol junto à intensificaçom da deriva fascista no conjunto do Estado no contexto do conflito catalá entre outros factores, levou-nos a suspender temporalmente a articulaçom desta iniciativa perante as condiçons particularmente adversas que analisamos”, apuntan.

CPIG lembra que o pasado ano pediron o traslado ao cárcere de Teixeiro para reagrupar ao colectivo de presos e presas para evitar, di, a “dispersom carcerária”. A resposta do Goberno español, foi, di “a denegaçom, alegando a nossa negativa a ceder as suas chantagens de renúncia e abandono da nossa luita mentres obviava completamente as circunstáncias pessoais d@s noss@s militantes”. Ademais, aclara que algunhas destas resolucións están recorridas en vía xudicial.

CRÍTICAS A MADRID

Neste sentido, denuncian, ademais, “a nula disposiçom de Madrid a abordar qualquer hipotese de diálogo que parta da natureza política do nosso encarceramento e poida flexibilizar a vigente política carcerária, insistindo em oferecer as vias individualistas de chantagem, renúncias e incerteza, que tantas vezes temos rechaçado”. 

Hai unhas semanas a eurodeputada Lidia Senra viaxaba á prisión de Mansilla de las Mulas, en León, onde está María Osorio, para denunciar a dispersión deste colectivo e pedir que sexan trasladados a cárceres do país.

TRES PRESOS

Este colectivo destaca que, a final de ano, serán só tres os presos e presas en cárceres do conxunto do Estado, tras a saída dun deles e a previsible liberación de outros dous. “O nosso colectivo previsívelmente quedará conformado por três militantes, actualmente nas cadeias de Dueñas, Ocaña e Villabona”, engade.

Finalmente, destacan as accións da asociación Que Voltem Para Casa! no seu traballo para tentar o reagrupamento de presos e o seu traslado a cárceres galegas, así como tamén polo Organismo Anti-repressivo Ceivar, unha entidade que fai xa este ano o seu 15 aniversario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta