Que pasa para que a Comisión das antigas caixas estea paralizada no Parlamento galego?

A oposición denuncia paralización da comisión das caixas. "É urxente un ditame para que algúns deixen de dicir cousas exactamente ao revés de como ocorreron", responde o PP.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/04/2018 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recoñeceu que é "urxente" coñecer o ditame coas conclusións da comisión de investigación sobre a desaparición das antigas caixas galegas mentres que a oposición denunciou a paralización deste órgano por parte dos populares.

Documentación da comisión de caixas no Parlamento de Galicia
Documentación da comisión de caixas no Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Os portavoces do catro grupos con representación na Cámara galega referíronse este martes a este asunto na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, despois de que o luns o Tribunal Supremo confirmase que os exdirectivos de Novacaixagalicia José Luis Pego e Gregorio Gorriarán deberán pagar 10,4 millóns de euros á entidade financeira sucesora nos dereitos e obrigacións da entidade polo cobro das súas prexubilacións millonarias.

A primeira en intervir ante os medios foi a líder do BNG, Ana Pontón, quen cualificou de "absolutamente vergoñoso" o "secuestro" deste órgano, que leva un "nove meses sen reunirse", por parte do PP. A continuación, asegurou que sen a "complicidade" dos populares "non se produciron" nin as "escandalosas indemnizacións" nin "a desaparición do sistema financiaro galego".

Ademais, após volver ha cualificar de "insuficiente a resposta xudicial" sobre a responsabilidade dos exdirectivos das caixas galegas, considerou que "se se van a devolver eses 10,4 millóns, téñense que reinvestir en Galicia aínda que só sexa por cuestións simbólicas".

PSDEG E EN MAREA

A continuación, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiu en que esta comisión "debe terminar xa". "O Parlamento ten a obrigación política de establecer as conclusións a unha comisión que vén da anterior lexislatura e que non debería demorarse máis tempo", manifestou.

Así mesmo, considerou que o fallo do Tribunal Supremo "non fai máis que confirmar" a "responsabilidade" dos dirixentes "na mala xestión do que era un patrimonio de todos os galegos". "Respectamos esa sentenza e cremos que o que ten facer a xustiza é garantir a súa execución", apuntou.

Pola súa banda, Luís Villares (En Marea) asegurou que a súa formación manifestou "en varias ocasións" o seu "malestar" pola "paralización" deste órgano que "comezou a súa andaina na pasada lexislatura".

Dito isto, expresou que a sentenza do TS conforma "unha vez máis" a ruína e a "mala xestión" do Goberno de Feijóo do sistema financeiro galego e censurou que o banco saído das caixas fose "rescatado con 9,000 millóns e vendido á banca venezolana por 9,000 millóns". "De onde saíron eses 8.000 millóns, dos petos dos galegos", manifestou.

POSTURA DO PPDEG

En último lugar, o popular Pedro Puy recoñeceu que é "urxente" que se faga o ditame coas conclusións da comisión para que os grupos da oposición "deixen de dicir cousas exactamente ao revés de como ocorreron". El mesmo está encargado de elaborar o relatorio resultado da comisión que se constituíu en 2013, despois de aprobarse a súa creación en 2012.

"Por exemplo, non se pode dicir despois de tres sentencias, a última do Supremo, que a Xunta foi cómplice dunhas indemnizacións cando, en todo o procedemento xudicial, quedou claro que a responsabilidade era dos xestores das caixas e, no seu caso, que quen participou como testemuña, lonxe de ser a Xunta, foi o Banco de España", argumentou.

Ademais, sobre o propio fallo xudicial, considerou que "está ben que se faga xustiza" e que "se devolvan eses contratos unha vez que a propia xustiza detectou irregularidades na percepción deses emolumentos". "Desde o primeiro momento criticámolos por completamente esaxerados e pouco acordes coa situación que estaba a atravesar a institución", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta