En Marea pide usar pregunta-resposta na comisión de investigación para "coñecer toda a verdade"

Chama "a atención" sobre que De la Serna delegase as competencias de Adif e Renfe dous días despois de que se activase a comisión

VIGO | 17/04/2018 | Actualizada ás 15:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea Alexandra Fernández reclamou que a comisión de investigación do accidente do Alvia, que deixou 80 mortos en xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois, chame a comparecer a todos os altos cargos que tiveron responsabilidade e que empregue o modelo pregunta-resposta, co fin de "coñecer toda a verdade".

Alexandra Fernández, de En Marea, na estación de Guixar
Alexandra Fernández, de En Marea, na estación de Guixar | Fonte: Europa Press

Así o manifestou en declaracións aos medios este martes, na estación de tren de Guixar, en Vigo, onde incidiu en que a metodoloxía "é importante", e, do mesmo xeito que pediron as vítimas, considerou que se debe seguir o modelo pregunta-resposta porque "permite que non veñan cun guión preparado, senón que teñan que responder ás preguntas dos grupos".

Tamén avanzou que En Marea se coordinará coa plataforma das vítimas "para ser a súa voz dentro do Congreso" e nesta comisión, que "en principio" durará 10 meses e na que espera que se traten cuestións que na Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) "quedaron sen investigar".

De feito, sobre a constitución desta comisión no Congreso, remarcou que ve "con preocupación certo intento de que non dea todos os froitos que debería dar e non achegue toda a verdade", pois "tanto por parte do PP como do PSOE houbo un intento de bloqueo", aínda que "grazas a En Marea conseguiuse pór en marcha".

En canto á presidencia desta comisión, na que a falta de acordo atrasou a súa constitución, criticou que "se tentou nomear de presidente a unha persona vinculada ao PP", pero sostivo que "grazas ao esforzo de En Marea, que --se negou-- a que fose presidente calquera persona de partidos con implicación no accidente", a presidencia recae no PDeCat.

DE LA SERNA "TAMÉN TEN RESPONSABILIDADE"

Doutra banda, apuntou que lle "chama a atención" que "dous días despois de que se poña en marcha a comisión" o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, "renuncie a responsabilidades en Adif e Renfe" --xunto a Enaire e Puertos del Estado pasan a depender directamente do secretario de Estado de Infraestructuras, Julio Gómez-Pomar, o que o Goberno atribuíu a razóns de "axilidade e eficacia"--.

Fernández comentou que "parece que non é unha casualidade, senón máis ben un intento de lavarse as mans de quen pode ter responsabilidade". Neste sentido, insistiu en que En Marea cre "que tamén o ministro De la Serna ten responsabilidade, en tanto é quen propuxo ao actual presidente da CIAF, quen se negaba a reabrir a comisión de investigación do Alvia".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta