Todo apunta a que o graffiti de Ferrol non é de Banksy

As evidencias indican que a obra aparecida no barrio de Canido é un plaxio baseado nunha obra orixinal do enigmático artista. O crítico e profesor Fernando Castro Flórez apunta a "unha manobra de márketing" ou a unha obra "paródica" dun "artista ou activista" como resposta á campaña de Estrella Galicia, e cualifica de "ignorantes" aos que tentan probar a autenticidade do graffiti. Queda por responder por que a marca cervexeira contribuíu á propagación dalgo que tiña todos os indicios de ser falso.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 19/04/2018 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

A aparición dun graffiti en Ferrol que semellaba ser obra do enigmático artista Banksy non parece máis ca un plaxio, unha unha adaptación dunha das súas obras máis coñecidas, a de dous policías británicos dándose un bico na boca, agora reconvertidos en dous gardas civís. Fernando Castro Flórez —filósofo especialista en estética, crítico de arte e profesor de Teoría da Arte na Universidad Autónoma de Madrid, ademais de comisario de exposicións— manexa dúas hipóteses: ou ben se trata dunha "manobra de márketing do Concello de Ferrol" para "conseguir un atractivo turístico", ou podería ser "obra dun artista, ou dun activista que reaccionou a esa situación tan estraña de deixar unha parede da cidade, con ese carteliño tan descorcentante de «reservado para Banksy»", en clara alusión á campaña deseñada por Estrella Galicia para a marca 1906, coa que convidaba o artista (ou grupo de artistas baixo ese pseudónimo) a deixar a súa pegada en Ferrol.

Obra orixinal de Banksy, á dereita, e graffiti pintado no barrio de Canido de Ferrol.
Obra orixinal de Banksy, á dereita, e graffiti pintado no barrio de Canido de Ferrol.

"Desde o primeiro momento que a observamos [a obra], é claramente paródica e é un pastiche da estética de Banksy", din sen ningún indicio de dúbida Castro Flórez nunha entrevista con Euronews.

O crítico de arte e aínda máis contundente cando enmarca no terreo da "psicopatoloxía" e un síntoma de "delirio" e de "ignorancia" os intentos de autentificar o graffiti. "Como se vai probar a autencidade dun graffiti, especialmente o dun artista que se mantén como artista anónimo?", pregunta retoricamente.

Outra das preguntas que plantexa Castro Flórez é "que sentido ten facer este tipo de manifestacións de graffiti subvencionados por Concellos, convertendo unha arte clandestina, anti-institucional ou de crítica política nunha sorte de evento de carácter turístico?".

"Calquera que pense que Banksy, ou o colectivo de xente que actúa baixo ese título, ía acudir a Ferrol para participar nun festival de graffiti, iso é unha loucura total", conclúe o especialista en arte, que dá máis valor á inscrición que hai xusto entre o graffiti e o logotipo de 1906, na que se le: "Banksy no existe, son los padres", un gravado que considera "unha intervención dunha enorme lucidez".

INDICIOS DA FALSIFICACIÓN

O certo é que o primeiro que chama a atención é que, polo menos até o de agora, Banksy non protagonizara ningún autoplaxio, é dicir, non repetira nin adaptara ningunha obra propia. Ademais, obsérvase claramente que os trazos da obra aparecida en Ferrol non responden á calidade artística de Banksy; de feito, malia tentar ser un calco do graffiti orixinal —os personaxes pretenden ser os mesmos—, é claro que a obra de Ferrol non ten a mesma altura artística que o mural coñecido como Kissing Coppers, orixinalmente pintado en 2004 no exterior do pub Prince Albert na rúa Trafalgar de Brighton, en Inglaterra, como mensaxe contra o homofobia. 

Outro indicio de que se trataría dun plaxio é a independencia de Banksy, artista —ou grupo (ninguén sabe se se trata dunha persoa ou colectivo)— antisistema que non se presta a pintar nada nas rúas por encargo de marcas, empresas, galerías, etc, e que actúa á marxe das correntes tradicionais e contra o mercado. Ao deixar as súas obras nas rúas e en espazos públicos, Banksy cede a súa propiedade ao dominio público e son numerosas as galerías e traficantes de arte que se dedican a apropiarse delas para vendelas a prezos mareantes. Non cabe nese universo Banksy —considerado polos que mellor coñecen a súa obra un hacker das rúas— unha obra no espazo público patrocinada nin baixo o paraugas de ningunha marca, empresa nin campaña publicitaria mercantil, mais si obras independentes ou benéficas, polo que esta sería unha excepción pouco crible, xa que aínda que se enmarcaría nunha acción sociocultural —a dignificación mediante a arte do barrio ferrolán de Canido—, o muro no que se atopa a nova obra está selado —e colonizado— pola marca 1906, que é a que expresamente convidou a Banksy a ocupar ese muro.

O PAPEL DE ESTRELLA GALICIA

Malia as evidencias de que se trataría da obra dun falsificador, 1906, de Hijos de Rivera, distribuíu este martes unha nota de prensa entre os medios de comunicación na que, ademais de confundir o nome do artista —chámano "Bansky", o erro típico dos que o descoñecen— informaba, literalmente, que "Bansky [sic] podría haber acudido a la llamada para dejar su huella en el barrio de Canido en Ferrol pintando la que sería su primera obra en España". 

A pregunta que queda por responder é por que a Corporación Hjos de Rivera —propietaria de 1906, Estrella Galicia ou Cabreiroá, entre outras marcas— contribuíu a propagar o que podería ser unha falsificación, pois non dubidou en apresurarse a distribuír unha nota de prensa sobre o susposto Banksy nada máis aparecer a obra.

Galicia Confidencial contactou co departamento de comunicación da compañía, desde o que contestaron: "Desmentimos categoricamente que dende a nosa empresa teñamos nada que ver coa aparición do grafitti en Ferrol. Fixemos una campaña únicamente o pasado verán e fomos os primeiros sorprendidos pola aparición do graffiti. A nosa postura está moi clara no comunicado que emitimos en resposta á expectación xerada en Ferrol. Pedimos prudencia porque non podemos asegurar que se trate dunha obra de Bansky [sic] e trataremos de verificarlo. É o único que podemos dicir polo de agora".

Pero o certo é que ninguén pode obviar que, alén das boas intencións socioculturais do proxecto 'As Meninas de Canido', nesta acción existen importantes motivos publicitarios para 1906, xa que, como se encargou de destacar a propia empresa na apresurada nota de prensa, sen sequera consultar antes a expertos, se trataría da primeira obra de Banksy en España, despois de que a achada en San Sebastián fose borrada ao non obter confirmación da súa autoría; todo un acontecemento que daría aínda máis sona á marca de cervexas, mesmo a nivel internacional. Todo un golpe de efecto que xa conseguiu cando no verán de 2017 Estrella Galicia impulsou unha campaña internacional —en medios estranxeiros e en valos nas rúas do Reino Unido— para convidar o mesmísimo Banksy a participar no certame artístico das 'Meninas de Canido', que se celebra nos meses de setembro neste barrio de Ferrol. Banksy non respondeu, pero a sona de Estrella Galicia e 1906 creceu internacionalmente.

O lugar de aparición, á altura do número 23 da rúa Muiño do Vento, fora seleccionado polo promotor do proxecto cultural 'As Meninas de Canido', Eduardo Hermida, en colaboración coa marca de cervexas 1906. Todo iso, no marco desta proposta que busca a rexeneración do barrio e na que máis dun cento de artistas chegados de todo o Estado deixaron representadas en muros de Canido a súa visión do cadro de Velázquez.

O propio Hermida, que pediu ao Concello de Ferrol protección para ese graffiti, asegurou que non puideron "corroborar a autenticidade da obra". "Descoñecemos se a obra aparecida no espazo reservado a Banksy en Canido é orixinal ou non", sinalou. Con todo, a marca cervexeira 1906 decidiu distribuír unha nota de prensa para anunciar a aparición dun suposto Banksy, malia non ter proba algunha da súa autoría.

Hermida mesmo recoñeceu que "se se trata dun imitador, será a obra dun descoñecido inspirado na técnica dun grande". Mais os trazos revelan grandes diferenzas artísticas entre o oirixinal e o copiador.

Todo apunta, pois, ou a unha operación de márketing ou a unha acción dalgún artista activista contra a campaña de márketing.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 The real Banksy

Hello, I'm Banksy, big Banksy! I enjoy very much drinking Estrella Galicia beer. I also recommend the Ferrol City Council to give large subventions to Eduardo Hermida. See you soon in The Ferrol of the Caudillo.

2 Canidiño

Dubido moito da participación do Concello de Ferrol nesta historia. As relacións entre el e o "artista" xa non son o que eran, como se encarga de proclamar nos medios cada vez que lle dan a oportunidade. Normal, supoño que esas relacións variarán dependendo da maior ou menor facilidade en soltar pasta. O das Meninas de Canido non é máis que unha nova relixión e a entrega da arte ao mercado, onde o artista se move comodamente. E o de Banksy é a aparición mariana que necesita.

1 Opa Canido

Nunca unha mamarrachada para conseguir CARTOS PÚBLICOS, para o negocio de Eduardo Hermida tivo tanta acollida nos medios, o que demostra o PAPANATISMO que hai no país