Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2018 | Actualizada ás 10:32
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) esixe á Xunta de Galicia que prohíba novas plantacións de eucaliptos, ante o plan forestal deseñado polo Goberno galego para incrementar en 25.000 hectáreas a extensión desta árbore, pasando a ocupar o 16,5% do monte galego. Pero vais máis aló e solicita incluílo no Catálogo español de especies exóticas invasoras e insta ás administracións públicas a iniciar as actuacións para o seu control e posterior erradicación. Agora ben, tendo en conta a realidade galega e a situación socioeconómica en relación coas plantacións de eucalipto, asume que "se deberían adoptar as disposicións precisas e os prazos suficientes para minimizar o efecto económico sobre os propietarios das explotacións e a industria".
A SGHN tamén considera imprescindible que se eliminen os eucaliptos en todos os terreos de propiedade pública e que se procedsa á eliminación de todas as plantacións que non se axusten á normativa legal vixente. A estas demandas engade a necesidade de incentivar a eliminación de todos os eucaliptos nos espazos naturais protexidos, permitir a explotación ata final de quenda de corta no resto das plantacións actuais, exercendo un control exhaustivo para evitar a súa expansión ás áreas colindantes, e planificar unha redución progresiva da superficie actualmente ocupada por plantacións de eucalipto para garantir a súa erradicación nun horizonte temporal realista.
A agrupación científica lembra que "todas as especies de eucaliptos son orixinarias de Australia e illas próximas", a "súa expansión no resto do mundo débese á intervención humana" e, "xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas".
Recorda, ademais, que a Lei 42/2007 e o Real Decreto 630/2013 definen como “especie exótica invasora” a “especie exótica que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Así mesmo, o Regulamento UE nº 1143/2014 establece que “especie exótica invasora”é “unha especie exótica da cal a súa introdución ou propagación teña demostrado ser unha ameaza ou ter efectos adversos sobre a biodiversidade e os servizos asociados dos ecosistemas”.
A SGHN tamén salienta que está "ben estudiada e documentada para Galicia e Portugal a capacidade do Eucalyptus globulus [o máis estendido aquí] para colonizar áreas fóra das plantacións e de auto-propagarse (naturalización) dentro das plantacións e nos seus bordos". Así, explican, "téñense detectado densidades moi elevadas de propágulos na contorna das plantacións (sobre todo nunha franxa de 15 metros, pero con colonizacións ata 80 metros de distancia), presenza de plántulas no 60% dos transectos ao longo de estradas, e que tanto a propagación como o establecemento vense moi favorecidas polos lumes".
"Tendo en conta a magnitude da superficie hoxe ocupada polos eucaliptos (425.000 hectáreas en masas puras e mixtas), a súa ampla dispersión polas tres provincias costeiras, a elevadísima incidencia dos lumes forestais (a metade dos de toda España en menos do 6% da superficie), e a extensa rede de estradas (case 50.000 km), en Galicia danse as condicións perfectas para que os eucaliptos amosen toda a súa capacidade invasora".
A SGHN considera así mesmo "ben documentado" que os eucaliptos son un "axente de cambio e unha ameaza para a biodiversidade autóctona e os ecosistemas naturais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.