En Marea acusa a Xunta e Fomento de "facer precampaña" para o PP co seu protocolo sobre os peiraos da Coruña

Antón Sánchez considera que "se evidencia o uso partidista" que fai o Partido Popular das institucións ao asinar un protocolo para os usos do porto da Coruña "á marxe completamente do Concello".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2018 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, acusou á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento de "facer precampaña" electoral para o PP na Coruña co protocolo subscrito este mércores polas dúas institucións, polo que a Administración autonómica destinará 20 millóns para a compra de peiraos coruñeses.

Antón Sánchez, En Marea, en rolda de prensa
Antón Sánchez, En Marea, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

En concreto, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subscribiron o protocolo previo ao convenio polo que a Administración autonómica pasará a ser copropietaria, cun 51%, dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo o que, en palabras do titular do Executivo galego, garantirá a "titularidade pública" dos mesmos evitando a súa poxa.

Antón Sánchez criticou que Feijóo e De la Serna volvesen "evidenciar o uso partidista" que fai o Partido Popular das institucións ao asinar un protocolo para os usos do porto da Coruña "á marxe completamente do Concello".

Antón Sánchez acusou a Feijóo de "estar máis preocupado" por facerlle a campaña á súa conselleira de Medio Ambiente e líder do PP local, Beatriz Mato, na cidade que "por pensar no interese xeral".

E é que, segundo indicou, "chama moito a atención que a Xunta, que non ten ningunha competencia en terreos de Portos do Estado, se faga co 51% destes terreos" para "controlar a situación e ter dereito a bloqueo". Fronte a iso, censurou que a Administración que ten as "competencias para ordenar urbanisticamente o termo municipal, que é o Concello da Coruña, quede marxinada do acordo".

Ademais, tamén criticou que o protocolo asinado "non despexe" o que "pode ocorrer coa zona de San Diego", terreos sobre os que "aínda pesa a ameaza de ser utilizados para a urbanización de inmobles de até nove alturas".

Ante estas cuestións, o viceportavoz de Anova advertiu aos dirixentes do Partido Popular de que "o litoral non é un pastel para repartir en anacos" e instounos a actuar cunha "visión global" e de "futuro".

"Por iso reclamamos que se respecte a proposta do Goberno da Coruña, para que se realice unha xestión con base nun ente consorciado, no que participe o Concello, o Estado e a Xunta", manifestou antes de esixir tamén o "uso público" deses terreos para evitar a "especulación" que quere o PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta