Temas: MINA TOURO O PINO

A empresa que quere explotar a mina de Touro propón medidas "non suficientemente claras" sobre a rexeneración

Unha directora xeral afirma isto sobre a documentación recibida, pero entende que as carencias "van ser emendadas" pola compañía promotora.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

As medidas correctoras  para rexenerara o terreo que propón a empresa que quere reabrir a mina de Touro, non están "suficientemente claras" na documentación "inicial" remitida polos promotores. Así o indicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, na comisión de medio ambiente do Parlamento, onde engadiu que entende que estas carencias "van ser emendadas" polos promotores, que son as compañías Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas.

Terreos da mina de Touro
Terreos da mina de Touro | Fonte: Europa Press

A directora xeral aseverou que "non se pode dicir de antemán se se vai a apoiar ou non se vai a apoiar a mina de Touro". Ana María Díaz dixo isto en resposta ao viceportavoz de En Marea Antón Sánchez, quen acusou á Xunta de estar "a ser cómplices coa súa pasividade" da "hipoteca ambiental" que deixan este tipo de proxectos.

Díaz explicou que son "até 15 departamentos" os que estudan e emitirán informes sobre a documentación recibida, xa que se trata dun proxecto de "extraordinaria envergadura". A directora xeral tamén considerou que "hai cuestións que nesta documentación inicial non quedan suficientemente claras", en relación ás medidas correctoras.

"NON PARA DAR TITULARES"

Ana María Díaz indicou que cre estas fallas  "van ser emendadas polo promotor". "Creo que daría moitísimos máis titulares que dixese o Goberno non vai apoiar ou vai apoiar a mina de Touro, pero un goberno non está para dar titulares, está para que lle expoñan un proxecto, estudalo de forma pormenorizada, establecer requirimentos aos promotores e que todo estea axustado á lexislación vixente", resolveu.

Díaz rematou a súa intervención dicindo que a Xunta dirá "non" se o proxecto "non cumpre con todas as garantías que a lexislación establece", pero dirá "si" no caso de que as cumpra.

VIVENDAS SEN ACABAR

Na mesma comisión, a socialista María Pierres preguntou por actuacións da Xunta ante as 50.000 vivendas que, segundo os datos que achegou, hai en Galicia sen acabar.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, respondeu cunha serie de axudas que dispón a Xunta, así como con medidas lexislativas destinadas a facer fronte a esta problemática na comunidade.

Temas: MINA TOURO O PINO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta