Temas: MONTE EUCALIPTO

Comuneiros de montes manifestaranse este domingo contra a "privatización" das súas terras por parte do PP

Unha marcha percorrerá Santiago fronte ao futuro plan forestal que aposta pola "eucaliptización" de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Comuneiros de máis de 3.000 montes veciñais galegos están chamados a manifestarse este domingo, 22 de abril, polas rúas de Santiago, con saída ás 12,00 horas da estación de tren. Manifestaranse contra a "privatización" que, segundo denuncian, o PP quere levar a diante nas súas terras despois das últimas reformas legais e co futuro plan forestal.

Rueda de prensa de presentación de manifestación de comuneiros
Rueda de prensa de presentación de manifestación de comuneiros | Fonte: Europa Press

A protesta está convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (OGCMV) e foi presentada este xoves en rolda de prensa en Compostela. Na rolda de prensa contouse coa presenza de membros dos colectivos que a apoian como Sindicato Labrego Galego, Atrifoga, Fruga, Adega e a CIG, entre outras.

O presidente da OGCMV, Xosé Alfredo Pereira, criticou que na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta deste ano se inclúan dúas modificacións legais que afectan os montes veciñais. Desta maneira o Goberno galego convértese en "xuíz e parte" para declarar un terreo "en estado de grave abandono" e poder expropialo "por causas burocráticas e administrativas".

Pereira avisa de que a revisión do plan forestal da Xunta aposta por incrementar o cultivo de eucalipto, no canto de apoiar ás frondosas para madeiras de calidade e a multifuncionalidade do monte. Deste xeito, alerta de que o Partido Popular pretende "privatizar e desclasificar" unhas 750.000 hectáreas que ocupan os montes en man común, é dicir, "unha cuarta parte do territorio galego", dos que se benefician máis de 250.000 veciños.

Pereira fai un chamamento a participar na manifestación do domingo non só aos comuneiros, senón a toda a sociedade, xa que os montes veciñais son "sinal de identidade" de Galicia e todos os habitantes poden gozalos.

ENTREGAR OS MONTES A EMPRESAS PRIVADAS POR 50 ANOS

Respecto diso, Pereira explica que esa situación de abandono pódese decretar no caso de que o monte veciñal "incumpra algún precepto tanto da lei de montes en man común como da lei de prevención de incendios" ou, aínda máis, que non se elixa unha xunta reitora a tempo nas comunidades.

"Debe ser a primeira vez que isto ocorre nun país que chamamos civilizado, porque o incumprimento dunha lei non só carrexa unha sanción, que niso estariamos todos de acordo, senón que carrexa a perda da xestión", censura Pereira.

Como exemplo, pon que un monte de comuneiros pódese decretar en abandono se se "entende que toda a superficie pode ser forestal e non está forestada". Segundo critica, así a Xunta abre a posibilidade de entregar montes veciñais que expropia a empresas privadas por un período de 50 anos, sen posibilidade de recuperación dos terreos nese período.

CASO DA CIDADE DEPORTIVA DO CELTA EN MOS

Ademais, Pereira explica que a isto se suma a reforma da lei do solo impulsada polo PP en 2016, que permite plans especiais para expropiar terreos de comuneiros cos que levar a cabo proxectos como "centros comerciais" ou "campos de golf".

Aquí apunta ao caso da futura cidade deportiva que proxecta o Celta en Mos (Pontevedra), que "todo o mundo sabe que se vai a facer", pero os titulares das terras, que son comuneiros de Tameiga, "están a esperar por unha comunicación do Celta que lles diga que nas súas terras queren facer algo". Con todo, simplemente "chegaralles unha nota que lles diga que lle expropian" os seus terreos sen poder fai nada.

VISIÓN DE SLG E FRUGA

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, valora como "moi necesaria" a mobilización do domingo fronte ao "espolio que se tenta facer pola parte de atrás" aos comuneiros por parte do PP. Nesta liña, remarca que os montes veciñais cumpriron "historicamente unha función esencial" para os galegos ao proporcionarlles diferentes recursos como madeira.

Ademais, Vilalba pon o foco sobre que ante o "grave problema de despoboamento" estes montes ofrecen posibilidades multifuncionais como madeiras de calidade, cogumelos ou pastos, pero a Administración galega só está interesada en "seguir facendo o mesmo" ao profundar no "fracaso da súa política forestal". E é que o SLG carga contra que "se consolida un modelo que bota á xente do medio rural", cunha superficie agraria útil en Galicia "ao nivel de Finlandia" e cunha cantidade de frondosas "case anecdótica".

A continuación, o coordinador de Fruga, Manuel Dacal, reprochou "a planificación sistematica por parte do PP de destruír o rural galego", mentres "non hai substitución xeracional" e "desaparecen cada ano 500 explotacións" de carne e leite. Dacal lamenta que a "eucaliptización" do futuro plan forestal "favorece fundamentalmente a Ence" mentres provoca que a actividade agraria non conte con espazo suficiente.

Temas: MONTE EUCALIPTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 A verdade

"Dacal lamenta que a "eucaliptización" do futuro plan forestal "favorece fundamentalmente a Ence" mentres provoca que a actividade agraria non conte con espazo suficiente" Se os gandeiros arrendasen as terras polo mesmo prezo que da plantalas de eucalipto seguramente lle sobrase terreo....pero claro, GRATIS NON, amigo Dacal, que o propietario da terra quere ter un rendemento.